O BNG alégrase das melloras de eficiencia enerxética anunciadas pola Xunta nun refuxio e anima a continuar nos colexios
O BNG reaccionou este mércores ao anuncio da Xunta de que realizará obras no refuxio de pescadores da Freixa, en Ponteareas, para mellorar a súa eficiencia enerxética.
O Bloque amosou a súa satisfacción por que se leven a cabo estas actuacións, e animou á Xunta “a continuar con eses traballos tamén nos centros educativos ponteareáns, para garantir que os centos de nenas e nenos e o seu profesorado conten coas mellores condicións posíbeis para levar a cabo as súas tarefas”.
“Os colexios de Ponteareas son edificacións antigas que, ademais das continuas tarefas de mantemento, precisan obras de ampliación, rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética, tal como leva décadas reclamando a comunidade educativa”, sinala o BNG. “O goberno do PP na Xunta ten que asumir dunha vez as súas competencias e realizar as obras integrais e de eficiencia enerxética que precisan os CEIP e as escolas do Colexio Rural Agrupado, rehabilitando as instalacións e dotando ao alumnado de espazos dignos e cómodos”, reclaman.
O Bloque explica que “as obras de eficiencia enerxética, ademais de supor un aforro no consumo das instalacións, supoñen a mellora das mesmas para evitar perdas caloríficas e lograr un maior confort das usuarias e usuarios”. Neste sentido, lembran que “o goberno do BNG no anterior mandato redactara un proxecto de mellora da eficiencia enerxética de cinco escolas rurais e acadara o 75% de financiamento do IDAE. A Xunta negouse a asumir o 25% restante e preferiu perder esa subvención que conseguiramos para aforrarlles o 75%, imposibilitando a execución das obras a pesar da súa necesidade”.
“É urxente que o goberno do PP na Xunta asuma as súas obrigas e que poña fin á discriminación e o abandono co que castiga ao ensino ponteareán”, afirmou o BNG, anunciando a posta en marcha de medidas “que suplan o silencio cómplice do goberno de Nava Castro e a dereita en Ponteareas”.