O BNG urxe iniciar as obras do saneamento de Ribadetea e avanzar nas seguintes fases
O BNG defenderá este mes no Pleno de Ponteareas unha iniciativa para instar á Xunta a adxudicar de inmediato o contrato para iniciar as obras da primeira fase da rede de saneamento de Ribadetea.
A través da concelleira e deputada Cristina Fernández, o Bloque denuncia que “en febreiro a Xunta sacou a concurso o contrato para realizar a obra da primeira fase da rede, anunciando en marzo a recepción de 26 ofertas. Porén, na actualidade, tras a valoración da Mesa de Contratación, descoñécese o prazo concreto previsto para realizar a adxudicación e iniciar a execución da obra”.
Fernández Davila lembrou que “co impulso decidido do goberno liderado polo BNG, foi elaborado o Plan Director da rede, que incluía a solución técnica para todos os barrios de Ribadetea. A finais do ano 2022 elaborouse o proxecto de execución da primeira fase e, tras as cesións veciñais dos terreos, en xuño do 2023 a Xunta xa podía iniciar o proceso de licitación da obra. Ademais, o goberno do BNG contratou no 2023 a elaboración do proxecto de execución dunha segunda fase.
“É lamentable que a postura do PP durante todos estes anos con respecto a o saneamento de Ribadetea sempre consista en enganar ás veciñas e veciños desta parroquia con promesas que despois non cumpren, realizando anuncios propagandísticos segundo lles convén electoralmente e enredando para atrasar esta infraestrutura vital para unha zona de gran valor ambiental no territorio de Ponteareas”, declarou a líder do BNG ponteareán.
Por outra banda, Cristina Fernández lembrou que, grazas ao acordo acadado no pasado mandato entre Concello, Xunta e Estado, a obra de ampliación da Depuradora da Moscadeira xa está na súa fase final tras un investimento millonario, polo que xa poderán conectarse as redes pendentes de execución. “Polo tanto, é o momento de sacar a concurso a execución do proxecto da segunda fase e elaborar os proxectos das fases restantes para completar a rede de saneamento de Ribadetea”, propuxo.
Fernández concluíu que “a rede de saneamento de Ribadetea é unha reivindicación histórica desta parroquia, coñecida por todas e todos grazas á loita da Plataforma veciñal que leva anos reclamando este dereito básico. A Corporación xa estableceu por unanimidade esta acción como prioritaria ao considerala vital para o futuro de Ponteareas, polo que o goberno de Castro e a dereita debe asumila tamén como prioridade para que Ribadetea poida dispor á maior brevidade desta infraestrutura tan necesaria”.