TRASLADAMOS AO GOBERNO LOCAL UNHA BATERÍA DE INICIATIVAS
O BNG propón un programa de orientación e apoio para vítimas de acoso LGBTfóbico
“Un programa municipal de acompañamento, orientación e apoio para as persoas que o precisen, así como para as vítimas de discriminacións, violencia ou acoso LGBTfóbico e calquera outro delito de odio por razón de orientación sexual”. Esta é unha das iniciativas que o BNG trasladou ao goberno municipal de Ponteareas para pór en marcha dende o Concello.
Así mesmo, o Bloque insta ao tripartito a “pór en marcha unha programación para conmemorar o 28 de xuño o Día do Orgullo, pero que continúe ao longo do ano, con información, sensibilización e concienciación para a poboación xeral e con actividades variadas que inclúan formación sobre diversidade afectivosexual e as relacións sentimentais non heteronormativas”.
O BNG afirmou que, “nun momento no que se están atacando os dereitos do colectivo LGBT, é máis necesario que nunca que as institucións públicas expresen o seu compromiso con conquistas e avances que nunca debemos dar por garantidos e que hoxe están seriamente ameazados”.
Por iso, o Bloque propón tamén “promover o coñecemento e compromiso da loita contra a LGTBfobia entre o persoal municipal, a través de campañas de sensibilización, pondo o foco na formación do persoal de Servizos Sociais, Policía Local e outros servizos nos que as persoas que acoden se atopan en situación de maior vulnerabilidade”.
De cara á conmemoración do Orgullo, o BNG instou ao goberno local a pendurar no balcón da casa do Concello a bandeira LGBT e promover a elaboración dun manifesto conxunto de toda a Corporación para amosar o apoio e respecto do Concello de Ponteareas ao movemento LGBT.
“A bandeira das cores do arco da vella é un símbolo da loita e do orgullo LGBT. É a bandeira da diversidade, e que figure nas institucións de toda a veciñanza é algo máis que un simple xesto. As conquistas sociais e os seus símbolos teñen un significado político, neste caso o de acadar a igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación”, conclúe o Bloque.