O BNG denuncia o pago de facturas falsas polo goberno de Ponteareas
O tripartito de Castro asinou facturas por servizos non realizados para pagalas con fondos europeos
O BNG vén de facer públicas “graves irregularidades na xestión económica do Concello de Ponteareas que inclúen o pago de “facturas falsas”. Segundo denuncia o Bloque, “o goberno de Nava Castro pagou facturas a unha empresa de comunicación por servizos que non realizou”.
O concelleiro do BNG, Xosé Carlos Vázquez, explica que se trata “dunha factura pola organización dun suposto evento de inauguración do Centro Cívico de Ponteareas, situado na Praza Maior, que non se realizou porque o edificio aínda está en obras e coa previsión de rematar no mes de xullo”.
A factura, por un importe de 10.000€, foi pagada xa no mes de decembro e o contrato incluía a elaboración e envío de notas de prensa aos medios de comunicación sobre a inauguración, así como a escaleta do propio evento, a súa organización e a cobertura gráfica do evento durante a mañá e a tarde. O empregado responsable do contrato foi o cuñado da alcaldesa, que naquel momento fora colocado como empregado do departamento de medio ambiente.
Ademais, o Bloque informa que a esta mesma empresa, que agora é a adxudicataria do servizo de comunicación institucional do Concello, “pagóuselle no mes de novembro unha factura de case 6.000 euros por un servizo que non remataba até o 31 de decembro, o que supón unha nova irregularidade do Partido Popular na xestión do diñeiro de todas e todos”, denuncia Vázquez.
“O tripartito de Castro, ademais de cometer irregularidades pagando facturas por servizos non executados, realizou un uso fraudulento dos fondos europeos cos que se financia a obra do Centro Cívico, posta en marcha polo anterior goberno do BNG”, sinala o concelleiro nacionalista. A preguntas do portavoz do BNG no último pleno, o propio concelleiro de Facenda respondeu que a factura correspondía “a un futuro evento”, recoñecendo que non se prestou o servizo pagado.
“O goberno de Castro e González Carrera vai de despropósito en despropósito”, sinala o Bloque, que explica que “o goberno do BNG adquiriu un edificio na Praza Maior e tras un proceso participativo iniciou unhas obras para rehabilitalo e convertelo nun Centro Cívico para mocidade, asociacións e entidades, servizos de conciliación e actividades culturais. Cando chegou Nava Castro ao goberno decidiu modificar a finalidade da obra para converter o edificio nun albergue baixo o nome de Residencia de artistas, perdendo así parte dos fondos europeos logrados polo BNG e privando dese espazo aos colectivos e ao público para o que fora ideado”.
“Agora, con esta manobra, o goberno tripartito fai un uso fraudulento dos fondos europeos, pretendendo xustificar accións que non se realizaron. Demostran que non están á altura para xestionar con rigor e seriedade o diñeiro de todas e todos. Se tiveran un mínimo de decencia política, pedirían perdón á veciñanza e asumirían responsabilidades”, conclúe o BNG.