O BNG acusa ao goberno de mentir sobre o Centro Cívico e esixe a comisión de seguimento

Grupo Municipal BNG Pleno 27.02.2024

Nava Castro anunciou unha residencia con pensión completa e gratuíta para artistas onde estaba previsto o uso para asociacións, mocidade e servizos sociais

O BNG acusa ao goberno de mentir sobre o Centro Cívico e esixe a comisión de seguimento

O BNG reaccionou ao anuncio do goberno de Castro de que o edificio da Praza Maior de Ponteareas rehabilitado para crear un Centro Cívico será finalmente unha residencia de artistas e sede da UNED.

O Bloque lembra que o edificio, de tres plantas e 900m2, foi adquirido polo goberno liderado polo BNG, que logrou fondos europeos para rehabilitalo e dotalo con distintos servizos municipais e actividades, como un espazo para a mocidade, salas para obradoiros, cursos e reunións para as asociacións e colectivos, servizo de atención temperá, oficina de información e espazo cultural e de exposicións. Agora, Nava Castro anunciou que será “unha residencia con pensión completa, pública e de uso gratuíto para creadores e artistas, así como para que a UNED imparta cursos”.

Plano cos dormitorios
Plano cos dormitorios

O portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, acusou ao goberno de Castro de “mentir descaradamente á veciñanza co cambio de uso deste edificio cando asegurou nos pasados meses que o edificio mantería o uso previsto. A concelleira de Urbanismo asegurou, a preguntas do BNG, que non se solicitara ao Ministerio ningunha modificación porque non había cambio de uso, que seguía sendo o de Centro Cívico pero ampliándoo tamén a residencia de artistas. Agora, non só anuncian o cambio de uso e lle engaden outros, senón que aseguran ter luz verde do Ministerio para isto, cando o que validou o Ministerio foi a convivencia entre ambos usos”, sinala Bouzó.

Así mesmo, o portavoz nacionalista denunciou a opacidade do goberno de Castro ante unha obra que xurdiu para dar resposta á necesidade de Ponteareas de contar con novas instalacións que acollan e faciliten a actividade social, cultural ou formativa que promoven o Concello e as diferentes asociacións. “O goberno do BNG levou a cabo un longo proceso coa participación de diversas entidades sociais, asociacións e do Consello da Infancia e Adolescencia de Ponteareas, por seren os principais destinatarios deste espazo. Pero Nava Castro e o PP, tras a súa chegada ao goberno ignoraron aos colectivos e mesmo utilizaron miserablemente a algúns deles. Fixéronos asinar un documento para enganar ao Ministerio dicindo que as entidades solicitaban unha residencia de artistas no edificio, prometéndolles que así lles permitirían aloxar neses dormitorios a persoas ou grupos musicais de fóra que participasen nos seus festivais”, asegurou Bouzó.

Miguel Bouzó, portavoz municipal BNG
Miguel Bouzó, portavoz municipal BNG

“Con este capricho de abrir un albergue público no centro da vila, o goberno castiga ao tecido social, ás asociacións que levan anos demandando espazos municipais para desenvolver a súa actividade, ás familias que precisan conciliar e ás mozas e mozos que se implicaron para que Ponteareas contase por fin cun espazo para elas”, sinalou o concelleiro do Bloque. “O goberno de Nava Castro, Juan Carlos González e Mingos Freitas prexudicará tamén ao comercio local e a hostalaría, xa que o aloxamento gratuíto con pensión completa de artistas e persoal técnico neste edificio suporá a utilización de fondos públicos para exercer unha competencia desleal contra o sector, en vez de destinalos ao fomento do comercio e a hostalaría local e a necesidades reais da poboación”, engadiu.

“Unha vez máis, o goberno tripartito actúa de xeito irresponsábel só para desfacer os avances logrados polo anterior goberno do Bloque e cumprir os caprichos da alcaldesa, que quixo aproveitar o traballo que atopou para crear unha residencia de artistas en vez de atender as necesidades dos colectivos sociais”, lamenta o BNG, que cuestiona se hai algún outro interese oculto tras este capricho persoal.

Miguel Bouzó informou que, tras o remate do período ordinario de xustificación dos fondos europeos que financian a rehabilitación do edificio, e ante o incumprimento da alcaldesa de render contas ao finalizar o prazo de execución das obras financiadas cos fondos, o BNG esixiu formalmente a convocatoria inmediata da Comisión de seguimento, onde o goberno terá que dar explicacións de todos os pasos dados na tramitación desta obra e responder ante as posíbeis irregularidades.

O BNG acusa ao goberno de mentir sobre o Centro Cívico e esixe a comisión de seguimento