NOVO RETROCESO DEMOCRÁTICO PARA REDUCIR A PARTICIPACIÓN
O BNG denuncia que Nava Castro retira competencias ao Pleno para decidir a porta pechada no seu despacho
O BNG denunciou publicamente a decisión adoptada polo goberno de Nava Castro no último Pleno de Ponteareas, celebrado a porta pechada, de retirar competencias ao Pleno Municipal.
As competencias para celebrar contratos privados, a adxudicación de concesións sobre os bens da Corporación e a adquisición de bens inmobles e dereitos suxeitos á lexislación patrimonial ou o alleamento do patrimonio corresponden ao Pleno. Agora, Nava Castro e a dereita decidiron “arrebatarlle estas funcións ao órgano democrático no que está representada a totalidade da Corporación para concentrar as decisións na Xunta de Goberno Local, un espazo reducido, controlado pola dereita e blindado do debate público”, denuncia o Bloque.
Para a formación nacionalista, esta decisión supón “un paso máis na deriva autoritaria do goberno de Nava Castro, que busca gobernar sen control, sen debate e sen transparencia, afastando deliberadamente as decisións dos órganos públicos para levalas ao seu despacho”.
O BNG lembra que este movemento non é un feito illado. “Nos últimos meses o goberno xa recortou a participación dos grupos políticos mediante unha modificación do Regulamento, modificou bases para eliminar á Corporación da toma de decisións e agora dá un novo paso para baleirar de contido o Pleno, pretendendo convertelo nun órgano decorativo que non poida adoptar acordos relevantes”, denuncian.
Segundo o Bloque, trátase dun grave retroceso democrático e dun ataque directo á pluralidade política e ao dereito das veciñas e veciños a coñecer, debater e contrastar as alternativas ás políticas do goberno municipal. “A dereita pretende silenciar a quen pensa diferente e gobernar ás agachadas, sen dar explicacións e sen render contas, pero non van conseguir calar a alternativa de goberno que representa o BNG para conseguir unha Ponteareas mellor”, conclúen.