O BNG denuncia que Castro exclúe á Corporación e secuestra os premios “Ponteareán Distinguido”
A alcaldesa modificou as bases para que os recoñecementos non sexan aprobados polo Pleno e convertelos nun acto propagandístico
O BNG denuncia as manobras do goberno de Nava Castro e da dereita para “secuestrar” os premios “Ponteareán Distinguido do Ano” e poñelos ao servizo dos seus intereses, afastándoos do espírito de recoñecemento colectivo co que foran creados. Estes galardóns nacían, segundo o propio Concello, para recoñecer proxectos, programas e accións que no último ano destacaran pola súa innovación, o seu impacto positivo no territorio e a súa contribución ao benestar da veciñanza.
Porén, tras coñecer as propostas dos grupos da oposición, o goberno local decidiu modificar as bases de forma unilateral e sen ningunha comunicación, apropiándose dun proceso que debería ser participativo, plural e democrático. “O que naceu para unir, o PP convérteo nun acto propagandístico á medida da dereita”, denuncia o BNG.
As bases iniciais establecían que as persoas distinguidas debían ser aprobadas polo Pleno con maioría cualificada de dous terzos. Agora, por decisión do goberno de Castro, “os premios pasan a ser decididos exclusivamente pola Xunta de Goberno, tras a valoración dun xurado designado directamente pola alcaldesa e dunha comisión técnica presidida polo seu cuñado”. Para o Bloque, isto supón unha “usurpación política que vulnera o espírito das bases iniciais e abre a porta a un uso partidista e opaco dun recoñecemento que debería pertencer ao conxunto da cidadanía”.
O BNG denuncia tamén a “precipitación e improvisación coa que actúa a dereita para eliminar a pluralidade, adiando os premios de setembro a decembro sen explicación e forzando prazos e procedementos”. Os membros da Corporación xa non poden presentar candidaturas, e as veciñas e veciños só poderían facelo se reunisen máis de 2.300 sinaturas en 5 días, un requisito que o BNG cualifica de “muro antidemocrático que anula a participación cidadá”. Para o Bloque, isto evidencia que “o goberno de Nava Castro prefire gobernar en clave de imposición e propaganda antes que en clave de pluralidade e participación”.
O BNG esixe ao goberno municipal que rectifique, devolva ao Pleno a capacidade de decisión e restaure unhas bases que garantan un proceso realmente plural, democrático e participativo, que reforce o orgullo pola nosa vila e a nosa xente. “Os recoñecementos ás e aos ponteareáns distinguidos do ano deben pertencer ao pobo de Ponteareas, non ao Partido Popular e os seus satélites”, conclúe o BNG.