O PP rexeita as propostas do BNG para a mellora dos centros educativos de Ponteareas

Cristina Fernández insiste na necesidade de dotar de ximnasio os colexios rurais

O PP rexeita as propostas do BNG para a mellora dos centros educativos de Ponteareas

O BNG presentou no debate dos Orzamentos da Xunta para 2026 diversas emendas destinadas á mellora dos centros educativos de Ponteareas, así como á mellora da seguridade viaria nas estradas autonómicas que atravesan a localidade.

A líder do BNG en Ponteareas e deputada no Parlamento Galego, Cristina Fernández Davila, lamentou “o voto en contra do PP, que unha vez máis dá as costas as necesidades das veciñas e veciños e decide non escoitar as súas demandas”.

Cristina Fernández lembrou a necesidade de completar as obras para a rehabilitación integral do CEIP Fermín Bouza Brey, así como das aulas do Colexio Rural Agrupado A Picaraña. Do mesmo xeito, insistiu na necesidade de que o CEIP Santiago de Oliveira e o CEIP Feliciano Barrera de Guláns conten cun ximnasio no que poder desenvolver as súas actividades, “tal como levan anos reclamando desde a comunidade educativa ante a pasividade do goberno do PP na Xunta”.

Entre as emendas presentadas polo BNG figuraban tamén melloras para a eficiencia enerxética no CEIP As Veigas, reformas no CEIP Mestre Ramiro Sabell e nos institutos de Ponteareas, así como actuacións para a posta en valor de elementos patrimoniais, como a Ponte dos Remedios, e propostas para mellorar a mobilidade e incrementar a seguridade nas estradas autonómicas que atravesan o municipio.

Trátase, sinalou Fernández Davila, “dunha alternativa aos Orzamentos da Xunta para 2026 que inclúe tamén a contratación de máis profesorado, plans de atención ás necesidades de apoio educativo, melloras na sanidade pública, maior financiamento do Servizo de Axuda no Fogar e un reforzo da atención á saúde mental, coa incorporación de máis profesionais”.

“As propostas presentadas impulsan o BNG como alternativa comprometida con Ponteareas e co país, e co único compromiso de darlle ás veciñas e veciños o futuro que merecen”, concluíu Cristina Fernández.

O PP rexeita as propostas do BNG para a mellora dos centros educativos de Ponteareas