O goberno de Nava Castro négase a pedir o reforzo de pediatría en Ponteareas
Cristina Fernández lembrou que só están cubertas dúas das tres prazas
O BNG vén de denunciar a negativa do goberno de Ponteareas (PP e ACIP) a solicitar á Xunta a cobertura da praza vacante de pediatría no centro de saúde da localidade.
A líder do BNG en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, reclamou a cobertura da praza vacante para poder contar con tres pediatras e garantir unha atención digna á infancia. “O centro de saúde de Ponteareas conta unicamente con dous profesionais de pediatría para atender a preto de 2.800 nenas e nenos da vila, o que resulta claramente insuficiente para garantir unha atención sanitaria de calidade e en tempo adecuado”, expuxo.
A esta situación, sinala Fernández Davila, “engádese a sobrecarga asistencial derivada da decisión do Goberno do PP na Xunta de manter sen servizo de pediatría outros centros da comarca, obrigando así ao persoal de Ponteareas a asumir tamén a atención das crianzas doutros concellos”. Esta saturación, advertiu, “compromete gravemente a saúde infantil e a equidade no acceso á atención primaria, e require dunha resposta urxente por parte da administración galega”
Á vista desta realidade, Cristina Fernández lamentou “a negativa do PP e a dereita, que unha vez máis dan as costas as necesidades das veciñas e veciños e decide non escoitar as súas demandas co único obxectivo de non incomodar aos seus superiores no partido”. Así mesmo, afeou que o goberno de Nava Castro “estea en contra de aumentar os profesionais mentres fai propaganda coa construción dun novo centro de saúde fronte a clínica privada relacionada cunha concelleira do PP en Ponteareas”.
Desde o BNG destacaron que continuarán traballando de maneira firme e constante na defensa dunha sanidade pública de calidade, esixindo os recursos necesarios para garantir unha atención sanitaria digna en Ponteareas. “Non imos desistir mentres a infancia da nosa vila siga a sufrir as consecuencias dos recortes e da falta de planificación do PP. A saúde non pode depender de cálculos políticos nin de intereses partidarios”, concluíu Fernández Davila.