O BNG alega contra a suba de impostos e anima a comerciantes e veciñanza de Ponteareas a facelo
O Bloque propón aplicar a taxa do lixo equitativamente e ofrece un modelo de alegacións
O BNG presentará alegacións para tentar evitar a suba de impostos decidida polo goberno local de Ponteareas, que suporá o aumento dun 25% no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e dun 85% na taxa do lixo.
Así mesmo, o Bloque puxo en marcha unha campaña informativa na que explica a comerciantes e negocios locais a repercusión económica da suba e anima a presentar alegacións “para tentar deter esta navallada coa que o goberno de Nava Castro e a dereita pretenden saquear á veciñanza para seguir destinando diñeiro a caprichos e propaganda. Se precisan máis diñeiro, que comecen por reducir gastos innecesarios”.
Para a presentación de alegacións, cuxo último día de prazo será o vindeiro 24 de decembro, o BNG pon a disposición de comerciantes e veciñanza un modelo de alegación que se pode descargar na súa páxina web, ponteareas.bng.gal e presentar no rexistro do Concello. O Pleno de debate de alegacións e aprobación definitiva prevese para o xoves 26 ás 20:00 horas.
Nas súas alegacións “contra a suba desorbitada da taxa do lixo”, o BNG propón que se adapte o sistema tarifario ao principio de “quen contamina paga”, diferenciando as tarifas segundo o número de residentes das vivendas, a superficie ou a xeración real de residuos. “Dese xeito, aplicaríase a taxa de xeito xusto e equitativo, a diferencia da suba global do 85% que propón o goberno de Castro e que afecta por igual a un pequeno comercio ou a unha familia unipersoal que a unha grande superficie comercial ou a unha familia extensa”, explica o BNG.
Entre as propostas, o BNG aposta por promover políticas activas de redución de residuos, reciclaxe e economía circular como mecanismos efectivos para conter o custo do servizo de tratamento de residuos e explorar alternativas e medidas compensatorias que permitan evitar o traslado directo da suba do canon de SOGAMA á cidadanía, garantindo unha xestión fiscal máis xusta e equitativa.
“A suba do 85% na taxa do lixo imposta polo goberno de Nava Castro e a dereita suporá o aumento de 70 euros nas vivendas do centro urbano, 40 euros no rural e aumentos que superan os 300 euros no caso de determinados establecementos e negocios, que sumado ao aumento do 25% do IBI convértese nun golpe que porá contra as cordas a moitos pequenos comerciantes da vila”, denuncia o BNG.
O Bloque defende que os impostos son necesarios para financiar os servizos públicos, a través dunha fiscalidade xusta e non para satisfacer caprichos e accións propagandísticas do goberno local. Por este motivo, como alternativa á suba do IBI, o BNG propón “o control e revisión do gasto municipal, eliminando partidas sobredimensionadas ou non executadas que distorsionan a realidade orzamentaria, a mellora na eficiencia da recadación fiscal, e o fomento da actividade económica local como ferramenta para incrementar os ingresos municipais sen recorrer sistematicamente á subida dos tipos de gravame”.