CADA RECIBO DO LIXO INCREMENTARASE EN MÁIS DE 70 EUROS NO CENTRO URBANO

BNG denuncia subas desorbitadas de impostos en Ponteareas: 25% de IBI e 85% de lixo

undefined

O Bloque acusa ao goberno de actuar como “verdadeiros carteiristas”

BNG denuncia subas desorbitadas de impostos en Ponteareas: 25% de IBI e 85% de lixo

O BNG critica “a suba de impostos pola vía rápida” que vén de aprobar o goberno tripartito de Ponteareas, que afectan ao IBI e á taxa de recollida de lixo.

O portavoz municipal do Bloque, Miguel Bouzó, denunciou a convocatoria “insólita” e “sen precedentes” dun Pleno extraordinario e urxente ás 8 da mañá convocado na tarde anterior. “Queren cargarse a participación democrática para subir brutalmente os impostos aos veciños e veciñas de Ponteareas, como fan os verdadeiros carteiristas, metendo a man no peto da veciñanza e procurando que ninguén se decate”, exclamou.

En canto ao Imposto sobre os Bens Inmobles (IBI), coñecido como Contribución, o goberno de Nava Castro aprobou unha suba do 25%. “Vostedes son expertos na materia”, espetou Bouzó, lembrando que xa no 2009, “cando o PP e os independentes do señor González Carrera gobernaban xuntos, aprobaron un incremento progresivo que a veciñanza tiña que pagar até 2019, e que foi reducido ao mínimo legal coa chegada do Bloque ao goberno. Agora, o goberno da dereita de sempre volve incrementar o imposto para recadar uns 800.000 euros máis ao ano”

Por outra banda, o recibo do lixo incrementarase nun 85%, o que foi calificado de “auténtico sablazo” polo portavoz do BNG. Bouzó detallou que unha vivenda do rural que pagaba 46,90 euros pasará a pagar agora 86,77, e as vivendas do centro urbano, que pagaban 83,39 euros, pagarán agora 154,27, é dicir, un incremento de máis de 70 euros en cada recibo. Ademais, lamentou a falta dun estudo rigoroso que garanta unha proporcionalidade axeitada por exemplo para comercios ou establecementos de hostalaría.

Malia que o goberno se escudou na lei estatal que obriga aos concellos a aprobar unha taxa de residuos que cubra os custos da recollida e tratamento, o Bloque cargou conta a “suba abusiva do canon que teñen que pagar os concellos a SOGAMA polo tratamento dos residuos, que provoca que o aumento da taxa aprobada sexa desorbitado. É un exercicio de escapismo e un acto de cinismo culpar só ao Goberno central”, asegurou Bouzó, explicando que “se o PP na Xunta de Galiza non decidise unilateralmente incrementar aos concellos o canon, non sería preciso cargar á veciñanza con este aumento”.

Finalmente, o BNG simplificou que o goberno vai “cubrir un déficit que até agora asumía o Concello para repercutirllo directamente á veciñanza. Así poderán dispor dese diñeiro para a súa propaganda e os seus caprichos. Para vostedes, conta redonda. Para a veciñanza até 70€ máis en cada recibo”, concluíu Bouzó.

BNG denuncia subas desorbitadas de impostos en Ponteareas: 25% de IBI e 85% de lixo