O BNG esixe a dimisión do concelleiro de Educación por mentir ás familias para ocultar a súa incapacidade
O BNG esixe a dimisión do concelleiro de Educación de Ponteareas, Ricardo González, despois do Pleno no que se debateu unha iniciativa conxunta dos grupos da oposición para esixir á Xunta o profesorado especialista do que carece o alumnado ponteareán con necesidades específicas.
“Para ocultar a súa incapacidade, o concelleiro mentiu á cara ás familias presentes no Pleno afectadas pola falta de profesorado, dicíndolles que non dirixiran ningunha carta ao Concello. A propia representante das familias, tomou a palabra para dar lectura á carta, demostrando que González mentía deliberadamente”, sinalou a líder do BNG ponteareán, Cristina Fernández, que instou ao concelleiro a dimitir no propio Pleno.
Así mesmo, a representante das familias sinalou que “só foron atendidas cando se presentaron no seu despacho ante a falta de resposta aos escritos presentados”, o que para o BNG demostra que o concelleiro “quere pórse de perfil en vez de traballar activamente na procura dunha solución, evitando plantarlle cara aos seus compañeiros do PP na Xunta, que son os causantes deste problema”.
O Bloque sinala que despois de que o concelleiro Ricardo González afirmase que estaba pedida unha reunión co Conselleiro de Educación da Xunta, a propia alcaldesa desautorizouno sinalando que “en realidade, a reunión non a imos ter co Conselleiro, porque xa a tivemos co inspector”.
“Á vista de que as familias deixaron claro que o concelleiro mentía, ante a mostra de que non está a altura que require a súa concellaría e tras a desautorización da alcaldesa corrixíndolle as súas mentiras, Ricardo González debe marchar xa para casa e deixar de burlarse das veciñas e veciños”, reclamou o Bloque
A través da concelleira Cristina Fernández, o BNG amosou unha vez máis o seu apoio ás familias, e volveu denunciar “a discriminación que supón a decisión política do Partido Popular de deixar sen unha atención digna aos nenos e nenas que precisan apoio. Mentres o PP bota balóns fóra, as familias padecen cada día a frustración das súas crianzas por non contar co apoio que precisan e están desesperadas nunha reivindicación que a Xunta coñece pero desoe”.