Houbo un tempo, non tan lonxano, no que un alcalde negaba a un grupo ecoloxista, Adenco, o uso do auditorio e de calquera local municipal; enviaba á Policía a arrancar carteis das paredes e censuraba calquera información sobre a asociación na súa radio e televisión municipal.* Para aquel alcalde, o Concello era seu, a súa propiedade, o seu coto privado; tanto era así que, ademais de colocar a dedo a traballar a quen lle petaba, un día, ao ser ocupado o seu despacho tras suspender un pleno, presentou unha denuncia por allanamiento de morada. Si, por allanamiento de morada, así consta na querela. Era a década dos 90 e Juan Carlos González Carrera xa facía parte daquel goberno do histórico Pepe Castro, a quen espiritualmente guiaba aquel busto de infame recordo instalado na Praza Maior.
Hoxe, 25 anos despois, Juan Carlos González, superando a San Paulo, converteuse a un novo credo e decidíu abandeirar conceptos como democracia e liberdade de expresión e converterse no adalid do combate contra a censura. Douche a benvida á miña relixión, Juan Carlos; como presidente daquel grupo ecoloxista naqueles tempos aquí estarei sempre para lembrarche a ti, e á cidadanía, o pasado de cadaquén.
Vén isto a conto da saída á palestra do concelleiro vitalicio de Ponteareas, acusando de decisión arbitraria a denegación nestes días a un local de hostelaría do permiso de ocupación de espazo público para un concerto. Juan Carlos fala así porque houbo un tempo, que el coñece ben, no que os permisos para facer no espazo público calquera cousa eran decisión libérrima e graciosa do alcalde ou concelleiro de turno, polo xeral de xeito verbal, sen máis. Para prexudicar a quen interesara ou para vender caciquilmente o favor aos demais. Aquel tempo, no que nin seguro de responsabilidade civil se esixía, acabouse co cambio político en Ponteareas dos últimos anos e a chegada do BNG á alcaldía. Hoxe, ningún político intervén na autorización ou denegación da ocupación do espazo público, máis que para asinar o que os funcionarios públicos informan e resolven previamente. Como en calquera Estado democrático e de dereito. A polémica suscitada é unha ocasión de ouro para que este goberno saque peito da súa xestión na democratización das estruturas municipais contaminadas durante décadas polo postfranquismo.
Hoxe, unha solicitude de ocupación, por exemplo para un concerto dun local de hostalaría, entra por Rexistro Xeral, vai ao departamento de Administración Xeral, dependente de Secretaría Xeral (baixo a xefatura do Secretario de habilitación estatal), tramítao un funcionario de carreira que pide informe á Policía Local (para comprobar que a ocupación respecte os dereitos dos demais cidadáns), aos departamentos de Eventos e Cultura (para evitar que dous actos poidan coincidir no mesmo día, hora e lugar) e revísanse cuestións como a existencia de seguro de responsabilidade civil para o acto. Finalmente elabórase unha resolución, favorábel ou desfavorábel, argumentada e recorríbel, polo Secretario Xeral que finalmente é asinada pola Alcaldía. Hoxe a ocupación do espazo público concédese se a persoa interesada cumpre e ten dereito, non se o alcalde ou alcaldesa quere, como pasaba antes.
No caso que nos ocupa, a pretensión da solicitante era ocupar, fóra do seu espazo de terraza, un lugar de paso imprescindíbel para os peóns, malia saber dende hai moito tempo o lugar onde pode realizar este tipo de acto, e que xa realizou en ocasións anteriores coa autorización correspondente. Non só pretendía ocupar un espazo inadecuado para unha actividade pensada para o seu lexítimo beneficio, senón que cando se lle advertíu que o lugar non era axeitado e cal era o correcto, non dubidou en dar exemplo perante a Policía Local dun lamentábel déficit educacional.
Denegada a solicitude, quen se cre con dereito de pernada sobre o espazo público e pretendía ocupalo como se fora a súa casa, non dubidou, cos seus adlátares, en recorrer as redes sociais pensando que Ponteareas ten un goberno que actúa a golpe dos trending topic. Chamaron de todo ao Concello e ao goberno. Pero pincharon en óso. Finalmente, e in extremis, na véspera do acto, e coa mediación do grupo musical, a promotora do concerto envainouna e solicitou de novo autorización, pero agora para realizar a actuación no lugar correcto. E este Concello, demostrando a súa obxectividade e eficacia, malia non ter obriga de facelo en tempo record, resolveu en apenas unha hora a solicitude autorizándoa cos informes favorabeis pertinentes para facilitar o concerto no lugar apropiado. E tamén correxindo un erro da anterior resolución, porque todo hai que dicilo, o Concello tamén comete erros: os funcionarios de Cultura consideraran erroneamente que a actuación na terraza podía interferir noutra actividade cultural do Concello do mesmo día e hora, pero en todo caso a denegación se fundaba no informe taxativo e desfavorábel da Policía e non nunha recomendación do departamento de Cultura.
Trala autorización, un membro do grupo, coñecedor de todo o anterior, nun alarde de triste oportunismo non tivo inconvinte en concluír nas redes sociais que “gracias a todos vosotros nos han escuchado”. Ao mesmo oportunismo apuntáronse Juan Carlos González e membros do PP, dando por sentado -ignorantes eles- que a autorización é unha decisión política e dando por sentado -ilusos eles- que a decisión final se adoptou por presión social. É o mundo ao revés porque, en realidade, quen parece ser que escoitou foi a promotora da actuación e os actuantes, quen finalmente descubriron que hai un goberno que garante a legalidade e os dereitos de todas as persoas, mesmo das que minten ou falsean a realidade. Se alguén escoitou non foi o Concello, senón os promotores, quen, tras escoitar ao Concello, presentaron a súa solicitude correctamente e lograron a autorización..
--
*Quen queira lembrar ou coñecer, se naceu despois, aqueles tempos está dispoñíbel en Youtube unha xoia documental histórica: o vídeo “Adenco 1990-1995. Cinco anos de ecoloxismo no Condado”