A Xustiza condena ao Concello de Ponteareas por un proceso de contratación irregular

Foto A Xustiza condena ao Concello
Concelleiras e concelleios do BNG

O BNG destapa que o goberno foi obrigado a incorporar unha persoa excluída irregularmente do proceso de selección de peón de medio ambiente

A Xustiza condena ao Concello de Ponteareas por un proceso de contratación irregular

O BNG vén de facer público o resultado dunha sentenza xudicial que estima integramente unha demanda interposta contra o Concello de Ponteareas, anulando parcialmente un proceso selectivo para a contratación de oito peóns de medio ambiente.

Esta sentenza condena ao Concello a contratar a unha persoa excluída de maneira irregular do proceso e a abonarlle os salarios deixados de percibir, recoñecendo así a vulneración dos principios de igualdade, mérito e capacidade que deben rexer o acceso ao emprego público.

Desde o BNG sinalan que esta condena xudicial é unha mostra máis do xeito de gobernar de Nava Castro e a dereita, baseado na improvisación, na falta de rigor e no desprezo polas garantías legais. “Non estamos ante un erro puntual, senón ante unha forma de actuar reiterada que xa tivo consecuencias xudiciais e económicas para o Concello, e que acaba pagando toda a veciñanza”, denuncian desde o Bloque.

“Detrás da propaganda do goberno de Castro hai unha realidade que demostra unha xestión do persoal caótica, improvisada e autoritaria, e que está a causar cada vez máis malestar entre o cadro de persoal e convertendo o Concello nun foco permanente de conflitos”, sinala o BNG. Ademais, consideran que esta sentenza “aviva a desconfianza da veciñanza na administración como consecuencia dun goberno local que prefire actuar de forma caciquil en vez de seguir todos os procedementos legais”.

O Bloque aposta por “abrir unha reflexión profunda sobre a xestión dos procesos de selección de persoal no Concello de Ponteareas, co obxectivo de reforzar o control xurídico, mellorar a calidade técnica das bases e garantir procesos limpos e transparentes, para evitar que situacións coma esta se repitan no futuro”.

A Xustiza condena ao Concello de Ponteareas por un proceso de contratación irregular