O BNG alerta dunha suba brutal do prezo da auga para familias e comercios en Ponteareas

Tras a suba do 25% no 2025, agora o goberno propón subas de máis dun 100%
O BNG alerta dunha suba brutal do prezo da auga para familias e comercios en Ponteareas

O BNG alerta que a nova ordenanza reguladora do ciclo integral da auga, que pretende aprobar o goberno de Nava Castro en Ponteareas, suporá “un grande impacto económico para familias e comerciantes, con subas de máis dun 100%”.

O concelleiro do BNG, Xosé Carlos Vázquez, lembra que “estas subas chegan despois dun incremento de preto do 25% xa aplicado no ano 2025”. Ademais, Vázquez explica que “o goberno propón pasar dunha facturación trimestral a unha bimestral, na que se paga máis simplemente por estar conectado á rede, independentemente do consumo real, o que penaliza especialmente a quen fai un uso responsable da auga".

Vázquez criticou que “Ponteareas tiña unha ordenanza para regular un servizo, e coa decisión do goberno do PP e a dereita pasará a ter unha ordenanza pensada para soster os resultados da empresa concesionaria que xestione o servizo”.

O Bloque exemplificou a suba con casos concretos. Unha familia con consumo mínimo (15m3/mes) pasa de pagar arredor de 200 euros ao ano a preto de 300, o que supón unha suba superior ao 50%. No caso dun local comercial, con ese mesmo consumo, que pagaba un 220 euros ao ano, pagará agora algo mais de 530 euros, o que supón unha suba do 140%. E na tarifa industrial, de 240 euros anuais, pasa a 540 euros, un 126% máis.

“A auga é un servizo esencial, e as decisións sobre as súas tarifas non son neutras nin puramente técnicas, senón que se trata de decisións políticas que afectan directamente á vida diaria da veciñanza de Ponteareas”, lembrou Vázquez.

O Bloque lamenta que “o goberno de Castro, continúe a brutal suba de taxas e impostos. Entre outros, aumentaron o IBI, o Imposto de Construcións e Obras, a taxa do lixo e, agora por segunda vez, a auga. No BNG defendemos que os impostos son necesarios para financiar os servizos públicos, pero non para saquear ao cidadán e logo destinar ese diñeiro a caprichos, a propaganda ou a beneficiar a empresas. Se o goberno precisa máis recursos, que comecen por eliminar gastos innecesarios”, reclamou Vázquez.

O BNG alerta dunha suba brutal do prezo da auga para familias e comercios en Ponteareas