OS ORZAMENTOS DEMOSTRAN QUE A CANTINELA DA DÉBEDA É FALSA

O tripartito de Castro rexeita as propostas do BNG para apoiar aos colectivos sociais nos Orzamentos

O Bloque propuña manter e aumentar axudas a colectivos sociais, traídas de augas, centros culturais, comercio, mocidade, igualdade ou emerxencia social

O tripartito de Castro rexeita as propostas do BNG para apoiar aos colectivos sociais nos Orzamentos

O Pleno de Ponteareas aprobou este luns, en sesión extraordinaria, os Orzamentos para 2024. Fíxoo unicamente cos votos do goberno, que rexeitou todas as propostas presentadas pola oposición, demostrando, para o BNG, “que non lle interesa o diálogo nin nada que non sexa da súa autoría, aínda que sexa beneficioso para a veciñanza”.

O Bloque lamentou que o goberno de PP, ACIP e IP rexeitase as súas “15 propostas alternativas que buscaban mellorar os servizos municipais e a calidade de vida das veciñas e veciños. Propuñamos continuar avanzando cara unha vila igualitaria e socialmente xusta, pero o goberno de Castro preferiu reforzar o regreso ao pasado manipulando as cifras para disfrazar con propaganda as súas grandes carencias”.

“O tripartito liderado polo PP reafírmase na eliminación e redución de axudas a distintos colectivos que convocaba o anterior goberno. As nosas alternativas centrábanse no ámbito social e nas axudas a colectivos veciñais: aumentar as axudas de emerxencia social, o centro de reparto de alimentos, as subvencións a obras comunitarias e ás traídas de augas veciñais, as axudas a centros culturais e asociacións de interese social, o apoio ao comercio local, a protectora de animais “Os Biosbardos”, os programas de igualdade e mocidade e as actividades educativas e culturais. “A pesar de pedirllo en numerosas ocasións, nin o concelleiro de Facenda nin a alcaldesa foron capaces de explicar por que se negaban a apoiar os colectivos da localidade”, lamenta o BNG

Tivo especial relevancia o convenio coa asociación “Avelaíña Saúde Mental”. O BNG denunciou que o goberno eliminara este convenio, “a alcaldesa non foi capaz de explicar o motivo na comisión de contas e viuse obrigada a aceptar a proposta da oposición e modificar os orzamentos para o Pleno. En vez de pedir perdón, tiveron a pouca decencia de chegar ao Pleno e vender como propia a proposta”, critica o Bloque.

En canto aos ingresos, o BNG destacou que o Concello vai recibir 3 millóns de euros grazas ás xestións do anterior goberno para realizar o cambio a led da iluminación pública e obras de eficiencia enerxética nas instalacións municipais. “O noso goberno adiantou os cartos, fixo o investimento e agora o diñeiro vai caerlles nas mans ao tripartito”, sinalou o Bloque, apuntando isto como demostración de que “a cantinela da débeda é falsa. Simplemente se vai corrixir o remanente negativo unha vez que as administracións ingresen as subvencións pendentes”.

O tripartito de Castro rexeita as propostas do BNG para apoiar aos colectivos sociais nos Orzamentos