PROPOMOS MANTER E AUMENTAR AXUDAS QUE O GOBERNO ELIMINA

O BNG presenta 15 propostas alternativas aos orzamentos do tripartito de Castro

Grupo municipal propostas

Colectivos sociais, traídas de augas, centros culturais, comercio, mocidade, igualdade e emerxencia social centran as propostas.

O BNG presenta 15 propostas alternativas aos orzamentos do tripartito de Castro

O BNG presentou as súas emendas aos Orzamentos do goberno de PP-ACIP-IP en Ponteareas para 2024, que irán a Pleno este luns. Ttrátanse de 15 propostas alternativas que buscan mellorar os servizos municipais e a calidade de vida das veciñas e veciños. Propomos continuar avanzando como nos últimos anos cara a unha vila igualitaria e socialmente xusta fronte o regreso ao pasado escuro que nos ofrece o tripartito de Castro.

As alternativas presentadas céntranse no ámbito social e nas axudas a colectivos veciñais. Así, ante a redución proposta polo goberno, o BNG procura aumentar a 130.000 euros as axudas de emerxencia social, e destinar 30.000 ao centro de reparto de alimentos, xa que segundo indica a formación nacionalista, “os 13.000 euros que propón o goberno non son suficientes nin para medio ano de servizo”.

O tripartito liderado polo PP elimina liñas de axudas a distintos colectivos que convocaba o anterior goberno. Por este motivo, o BNG propón manter as subvencións para investimentos en obras comunitarias, dotándoas con 10.000 euros, aumentar a 140.000 euros as subvencións para as traídas de augas veciñais, elevar a 80.000 euros as axudas a centros e casas culturais, que o tripartito deixou sen subvención no 2023, e aumentar a 6.000 euros o convenio coa protectora de animais “Os Biosbardos”.

Ademais, o BNG, nunha emenda conxunta co PSOE, propuxo manter as axudas a asociacións de interese social, que o goberno elimina, e dotalas cun orzamento de 15.000 euros, así como manter o convenio coa asociación Avelaíña e aumentalo aos 10.000 euros para desenvolver o programa de atención á saúde mental que está en funcionamento na comarca.

Outras das propostas do Bloque céntrase no comercio local, onde o goberno de Nava Castro “reduce drasticamente as contías económicas”. O BNG propón destinar unha partida de 40.000 euros para o apoio e o impulso do comercio local a través de eventos e actividades exclusivas de promoción comercial. Por outra banda, o Bloque non comparte a decisión do goberno de eliminar liñas de axudas para diversos concursos de ámbito cultural e fondamente arraigados na vila, como o Entroido, e propón destinar unha partida de 15.000 euros.

Ante o aumento do negacionismo e banalización da violencia machista, as institucións non deben mirar cara outro lado, polo que amosamos o noso rexeitamento rotundo á eliminación da partida destinadas a programas de igualdade, e propomos reforzala con 10.000 euros. O BNG tamén propón destinar 15.000 euros a programación de actividades xuvenís, manter a contía económica para a semana das ciencias que desaparece do Orzamento ou ampliar os recursos para a Agrupación de Voluntarias e Voluntarios de Protección Civil.

O BNG, como forza alternativa de goberno, traballa dende o rigor e a responsabilidade. Por iso, a pesar dos atrancos do tripartito para evitar o diálogo, presentamos unhas propostas totalmente viables para mellorar o día a día da veciñanza e aclarándolle ao goberno de onde poden retirar cada euro para destinar a estas necesidades”.

 

 

 

O BNG presenta 15 propostas alternativas aos orzamentos do tripartito de Castro