O Pleno de Ponteareas debaterá sobre a situación das aulas rurais por iniciativa do BNG
O Bloque pide que a Xunta actúe para solucionar graves deficiencias do Colexio Rural Agrupado
O Pleno de novembro en Ponteareas, que se celebrará o vindeiro martes 28, debaterá a situación das aulas unitarias do Colexio Rural Agrupado “A Picaraña”.
A iniciativa, presentada polo BNG nos pasados días, fai mención especial á aula da parroquia de Pías, onde o portavoz municipal, Miguel Bouzó, e a deputada no Parlamento Galego, Cristina Fernández, se reuniron coa comunidade educativa. As choivas dos pasados meses empeoraron a situación do seu tellado, o que tal como denunciou a Anpa publicamente, “provoca filtracións de auga no seu interior, sen que o Concello actuase para frear o deterioro”.
O BNG critica que “o goberno local liderado polo PP limitouse a anunciar como unha gran obra que ían ir mover unhas tellas en plena semana de choiva, e finalmente, como era sabido, non resolveron nada porque as inclemencias meteorolóxicas non o permitían”. O grupo líder da oposición sinalou que o que corresponde é darlle unha solución definitiva, “porque non abonda con reparar un tellado. A Xunta ten que asumir as súas competencias e realizar as obras integrais e de eficiencia enerxética que precisan as escolas do Colexio Rural, rehabilitando as instalacións e dotando ao alumnado de espazos dignos e cómodos”, afirman.
O Bloque lembra que na súa etapa á fronte do Concello investiu máis de 17.500 euros nun proxecto de mellora da eficiencia enerxética e arranxos interiores, cunhas obras orzadas en 270.000 euros. “Acadamos o financiamento do 75% para acometer os traballos, obtendo 200.000 euros, e era necesario que a Xunta cofinanciara o 25% restante por ser obras da súa competencia. Pero o goberno galego do PP negouse a achegar os 70.000 restantes. Preferiron deixar que se perdesen 200.000 euros porque os conseguira o BNG, e renunciaron a colaborar con Ponteareas en obras necesarias que son da súa competencia. Nin fan nin deixan facer”, censura o Bloque.
Tamén no Parlamento Galego
Por outra banda, a formación liderada por Ana Pontón no Parlamento Galego presentou unha proposta aproveitando a tramitación dos Orzamentos da Xunta para 2024. “Propomos que inclúan unha partida específica para a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética das aulas rurais, e que poñan fin así á discriminación coa que o goberno do PP na Xunta castiga ao ensino ponteareán”, sinalou a deputada e concelleira do BNG na localidade, Cristina Fernández.