ENTREVISTA CON CRISTINA FERNÁNDEZ
“A transformación de Ponteareas é histórica e o futuro prometedor e cheo de posibilidades”
Entrevista con Cristina Fernández
Cristina Fernández Davila é a alcaldesa de Ponteareas e candidata do BNG para revalidar a alcaldía nas eleccións municipais. Nesta entrevista achegamos a súa figura e as súas reflexións sobre a gran transformación que vive Ponteareas co goberno do BNG e a necesidade de seguir nas mellores mans para afrontar un ilusionante e prometedor futuro.
Para quen non a coñeza persoalmente, quen é Cristina Fernández, a alcaldesa de Ponteareas?
Pois ante todo son unha persoa como a maioría de ponteareáns: apaixonada da miña familia e ao mesmo tempo namorada de Ponteareas, pola que traballo buscando o mellor para os meus veciños e veciñas. E son unha persoa comprometida coa sociedade, un compromiso que me levou a participar durante anos en colectivos a prol do ensino público e despois, animada por Xosé Represas, na política municipal, primeiro como concelleira e agora como alcaldesa.
Estar en política hoxe non é moi valorado socialmente…
Depende do que busques na política e do que fagas nela. Eu creo na cultura do esforzo e do traballo. A min ninguén me regalou nada. Saín adiante na vida facendo os meus estudos e superando unha oposición na administración pública para ter o meu traballo. Ponteareas ten en min a unha alcaldesa que non precisa da política para vivir e iso é unha garantía: estou aquí para mellorar a vida das persoas e non a miña, asumindo os sacrificios persoais que implica. Ser a alcaldesa de Ponteareas é unha honra e poder axudar cada día aos meus veciños e veciñas unha satisfacción.
Como viviu o feito de converterse en Alcaldesa?
Asumín a alcaldía con moita dor e tristura pola perda de Xosé Represas. Aínda así aceptei o reto con grande ilusión e responsabilidade, empurrada pola confianza e o ánimo de Represas cando, nos seus últimos días con nós, me pedíu que me puxera á fronte do Concello. Unha confianza que a diario me transmite a veciñanza e o meu equipo e que agora quero recibir nas eleccións para ser a primeira alcaldesa de Ponteareas elixida nas urnas.
Ana Pontón en Santiago, as alcaldesas de Tomiño, O Rosal ou Moaña, entre moitas, vostede en Ponteareas… As mulleres lideran o BNG?
Estamos nun intre histórico no que o movemento feminista é a vangarda do cambio social en todo o mundo. O BNG é un exemplo e aquí, en Ponteareas, a cidadanía pode dicir con orgullo que unha muller representa ese empoderamento dirixindo un dos concellos máis importantes de Galiza. Exercer como alcaldesa é a miña mellor contribución para avanzar na igualdade entre homes e mulleres.
Dous mandatos consecutivos co BNG na alcaldía, que significaron para Ponteareas?
Despois de oito anos gobernando podemos dicir con satisfacción que a transformación que está a vivir Ponteareas marca un antes e un despois na súa historia. Nunca se fixo tanto en tan pouco tempo e nunca antes Ponteareas tivo un futuro tan prometedor, ilusionante e cheo de posibilidades como agora co BNG. Algúns dos logros foron históricos.
Falar de logros históricos, non pode soar esaxerado?
En absoluto. Cando chegamos tiñamos un Concello en bancarrota e hoxe temos unha administración saneada que inviste millóns de euros en innumerábeis obras e servizos. Antes os bancos e provedores denunciaban ao Concello no xulgado para poder cobrar e hoxe todos queren contratar con nós porque pagamos cunha rapidez nunca antes vista. Durante 20 anos Ponteareas estivo paralizada e hoxe, co Plan Urbanístico que aprobamos, ábrense negocios e as empresas con grandes proxectos chaman á nosa porta para instalarse en Ponteareas. Levabamos 25 anos cunha depuradora vertendo ao río e hoxe xa iniciamos os traballos para a súa ampliación e para sanear todo o rural nos vindeiros anos.
“Pasamos de ser un concello arruinado, onde non se facía nada, a realizar investimentos millonarios en innumerábeis obras e servizos.”
Cre que eses logros históricos serán dabondo para conseguir o apoio electoral?
Solucionamos gravísimos problemas arrastrados durante décadas e creados polos que agora queren volver a ocupar o poder: a bancarrota do Concello, a inexistencia de Plan Urbanístico ou os vertidos da depuradora e a falta de saneamento. Sería dabondo, pero a veciñanza de Ponteareas ten moitos máis motivos para darnos a súa confianza.
Que outros motivos?
Non importa só o que facemos, que é moito; tamén importa como o facemos. Antes tiñamos corrupción, enchufismo e favoritismo e hoxe temos honradez, igualdade e transparencia; antes tiñamos gobernos desunidos e enfrontados e hoxe temos estabilidade e un goberno que rema na mesma dirección. Antes tiñamos espectáculos e personaxes que danaban a imaxe de Ponteareas e hoxe chámannos do estranxeiro para coñecer as nosas políticas que consideran modélicas. Agora temos un goberno que dialoga e busca o consenso, negociando con outras administracións e conseguindo investimentos millonarios para Ponteareas. A veciñanza sabe que co BNG, Ponteareas está nas mellores mans e á xente vaille mellor ca nunca.
Hai quen pensaba que o BNG só servia para facer oposición e que gobernar era cousa de outros. Cre que segue existindo esa visión?
Os grandes logros da nosa xestión serviron para desmontar ese mito. En só oito anos toda a veciñanza comprobou que o BNG é capaz de xestionar con eficacia os recursos públicos para mellorar a calidade de vida das persoas. Toda a xente sabe que en tempo récord pasamos de ser un concello arruinado, onde non se facía nada, a estar executando innumerábeis obras e creando servizos con investimentos millonarios.
Foi doado para vostedes gobernar Ponteareas?
Ao contrario. Tivemos que afrontar as máis graves adversidades imaxinábeis: unha pandemia e o falecemento do noso alcalde Xosé Represas. E aínda así logramos esta gran transformación coa nosa capacidade de superación e dende o esforzo e o traballo. Porque ese é outro dos nosos sinais de identidade. Poderase estar máis ou menos dacordo con nós, pero ninguén pode negar que traballamos até a extenuación entregados en corpo e alma a Ponteareas e á súa veciñanza.
“Nunca antes se fixo tanto en tan pouco tempo. O BNG logrouno dende a honradez o esforzo, a capacidade e o dialogo
En que cambiou Ponteareas nestes oito anos?
Hoxe vívese moito mellor en Ponteareas que en 2015 cando comezamos a gobernar; hoxe somos un exemplo de políticas medioambientais e contra a emerxencia climática; hoxe hai menos paro e máis emprego en Ponteareas que hai oito anos, máis negocios e empresas que abren, máis oportunidades de traballo e emprendemento e unha economía local que se move co Plan Urbanístico e coas grandes obras que executamos. Hoxe hai máis igualdade e xustiza e aténdese mellor ca nunca ás persoas vulnerábeis que máis o precisan. Hoxe temos unha Ponteareas máis viva, cunha intensa vida cultural, social e deportiva. Hoxe Ponteareas é un magnífico lugar para vivir.
A oposición acúsaos de non atender o rural…
É curioso que o digan os que durante 40 anos tiveron o rural sen saneamento, cun alumeado miserento ou sen apoiar ás traídas veciñais. A maior parte das nosas accións benefician a todos por igual, ao rural e ao urbano. Falamos de axudas sociais, da promoción da economía e o emprego ou das políticas medioambientais. Todo o que se fai no centro urbano tamén o desfruta a poboación das parroquias. Pero en apoio directo ao rural somos un exemplo: dando axudas ás traídas veciñais ou ás casas culturais todos os anos, levando ás parroquias actividades culturais, arranxando estradas, creando o servizo de baleirado de fosas sépticas e así un longo etcétera.
Que actuacións foron as máis salientábeis para as parroquias?
Nestes catro anos dedicamos 18 millóns de euros a dous servizos básicos do rural. Como toda a xente sabe, este foi o mandato do alumeado. Con 4 millóns de investimento renovámolo ao 100% e a iluminación no rural cambiou da noite ao día. E ademais xa comezamos o saneamento de todo o rural. Explícome: iniciamos xa os traballos de ampliación da depuradora con nada menos que 14 millóns de euros. Esta obra realmente é para as parroquias, porque non podíamos facer saneamento no rural sen ampliar a depuradora. Por iso podemos dicir que os próximos mandatos serán os do saneamento do rural porque xa comezamos a primeira fase dese saneamento coa ampliación da depuradora.
Cales son as súas aspiracións para as vindeiras eleccións?
Nas eleccións de maio está en xogo continuar avanzando nas mellores mans e non volver cos mesmos de sempre ao pasado escuro do que saímos hai oito anos. Queremos revalidar a nosa gran vitoria de 2019. Para nós non hai nada imposíbel. Somos un partido que comezamos nos anos 90 dende abaixo e con moito esforzo e traballo chegamos a ser a forza máis votada e gobernar. Hai catro anos parecía imposíbel que o BNG medrase de 5 a 9 concelleiros e concelleiras e conseguímolo. Temos a ilusión e fixemos méritos para agora sumar dous máis e acadar a maioría absoluta de 11.
Parece difícil, como cre que poden conseguilo?
Aspiramos a todo porque calquera persoa de Ponteareas, con independencia do seu pensamento político, pode apoiarme a min e ao BNG nunhas eleccións municipais, onde o máis importante son as persoas, o traballo feito e os proxectos por facer; onde o máis importante é Ponteareas. Por iso eu diríxome a todas as persoas que xa nos apoiaron, mais tamén a aquelas que en eleccións anteriores apoiaron a outras forzas convencidas de que era o mellor para Ponteareas. Agora que comprobastes o que fomos capaces de facer e o que queremos seguir facendo, pídovos a vosa confianza por que non vos defraudaremos.