Eva Gil e José Carlos Vázquez serán número 2 e 3 de Cristina Fernández na candidatura do BNG
Cristina Fernández confía na concelleira de Promoción Económica como número 2 e incorpora un licenciado en Económicas con experiencia na xestión municipal
A alcaldesa de Ponteareas e candidata do BNG, Cristina Fernández, deu a coñecer dúas persoas que a acompañarán nos primeiros postos da candidatura do Bloque para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio.
Eva Gil, actual concelleira de Promoción Económica e Turismo, será a numero 2. É Directora Técnica de proxectos de Desenvolvemento Rural no GDR Ría de Vigo - Baixo Miño e Directora do Xeodestino turístico Ría de Vigo – Baixo Miño. Eva Gil é Licenciada en Xeografía pola USC, Máster en desenvolvemento local e comarcal e Máster en políticas comunitarias, desenvolvemento e cooperación transfronteiriza. Durante este mandato é a concelleira responsábel da xestión dos máis de 14 millóns de euros que o Concello de Ponteareas logrou a través de fondos europeos.
O BNG incorpora no número 3 do seu equipo a José Carlos Vázquez, licenciado en Ciencias Económicas pola UVigo e Funcionario de Administración Local en diversos concellos dende o ano 2000, principalmente na área económica. Na actualidade é Técnico de Servizos Económicos no Concello de Vigo. Ademais, José Carlos Vázquez é coñecido pola súa participación en entidades culturais e deportivas da localidade.
Eva Gil agradeceu a Cristina Fernández a confianza depositada nela e sinalou que “tras obter importantes recursos económicos para Ponteareas, temos por diante un futuro ilusionante, con grandes proxectos en marcha para ofrecer á veciñanza novos equipamentos e novos servizos”. Pola súa parte, José Carlos Vázquez indicou que “Ponteareas pasou de ser un concello arruinado, onde non se facía nada, a ter agora un volume impresionante de investimentos logrados e en marcha. É o momento de implicarse para non volver atrás, por iso quero sumar a miña experiencia a este equipo”, sinalou.
Cristina Fernández recoñeceu a súa “satisfacción” por contar nos primeiros postos con persoas como Eva Gil e José Carlos Vázquez “que acreditan unha traxectoria profesional brillante, e que están dispostas a poñer a súa experiencia ao servizo das veciñas e veciños de Ponteareas”. A alcaldesa e candidata amosou o seu convencemento de que “o BNG ofrece a Ponteareas o mellor equipo, un grupo de persoas preparadas e formadas, con capacidade acreditada e con experiencia na xestión municipal para garantir que Ponteareas avance nas mellores mans”.