As traballadoras do SAF lograron o que o goberno de Castro non se atreveu a executar
O Bloque felicita ás traballadoras polo seu exemplo tras a renuncia da empresa Óbolo a continuar prestando o servizo
O BNG amosou publicamente a súa satisfacción ante a finalización da prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Ponteareas por parte da empresa Óbolo, unha decisión que se materializará de urxencia no pleno deste martes.
Desde o Bloque lembran que esta situación chega despois de meses de mobilizacións, protestas e denuncias públicas protagonizadas polas traballadoras do servizo fronte aos reiterados incumprimentos do contrato por parte da concesionaria, tanto no referido ás condicións laborais como á calidade do servizo prestado ás persoas usuarias.
“A loita persistente das traballadoras reclamando os seus dereitos logrou que a empresa renuncie a seguir prestando un servizo que estaba a xestionar de maneira deficiente”, sinalou Cristina Fernández. A líder do BNG en Ponteareas lamentou que, a pesar dos múltiples incumprimentos detectados, “o goberno de Nava Castro e a dereita puxéronse sempre do lado da empresa e non se atreveron a rescindirlle o contrato. Preferiron tapar as carencias da concesionaria con recursos públicos e perseguir e ameazar ás traballadoras que só pedían que se respectasen os seus dereitos laborais”.
O Bloque trasladou unha felicitación expresa ás traballadoras do SAF, subliñando que “o seu exemplo de valentía e compromiso coa dignidade laboral e cos servizos públicos permitirá que as persoas dependentes de Ponteareas poidan contar cun servizo digno, estable e á altura das súas necesidades”.