A Xustiza condena o Concello de Ponteareas tras colocar a dedo a dirección do Conservatorio
O goberno de Nava Castro destituíu o Director con acusacións que a Xustiza considera infundadas
O BNG vén de facer público o resultado dunha sentenza xudicial que condena ao Concello de Ponteareas pola destitución irregular do Director do Conservatorio e da Escola de Música Municipal e o posterior nomeamento a dedo dunha nova dirección.
Os feitos comezaron en maio de 2024, cando o concelleiro de Educación, Ricardo González, tentou forzar o cese voluntario do Director do Conservatorio. Ante a negativa do traballador, o concelleiro respondeu con ameazas explícitas de iniciar os trámites para apartalo do cargo, o que para o BNG demostra “a intención política do concelleiro de prescindir do Director custe o que custe.”
En agosto de 2024, a Xunta de Goberno Local aprobou a proposta do concelleiro para o cese do traballador, “apoiándose en acusacións graves, subxectivas e sen fundamento, que a sentenza xudicial cualifica como improcedentes”, sinala o Bloque. “Lonxe de responder a criterios técnicos ou obxectivos, estas acusacións revelan a incapacidade e o profundo descoñecemento do concelleiro para xestionar unha institución desta relevancia”, engade o BNG. Tras o cese, o goberno local procedeu a nomear a dedo un novo Director e un novo equipo directivo ata o 30 de xuño de 2025.
O 1 de agosto de 2025 a Xustiza evidencia a mala actuación do Concello estimando integramente a demanda do Director cesado, obrigando á súa reincorporación inmediata e condenando á administración a indemnizalo polas contías retributivas retiradas. “O fallo xudicial é demoledor ao afirmar que as graves acusacións realizadas polo concelleiro non están acreditadas. Ademais, a Xustiza considera rechamante que, de seren certas, o propio goberno local non adoptase ningunha medida correctora ou disciplinaria, o que desmonta por completo o relato do concelleiro”, sinala o BNG.
A pesar da sentenza, o 26 de agosto, case dous meses despois de que o Conservatorio estivese formalmente sen director, a Xunta de Goberno Local, acorda volver nomear como director accidental á mesma persoa designada previamente a dedo. Finalmente, seis meses despois da sentenza xudicial, o goberno local viuse obrigado a acatala e reincorporará ao director cesado de maneira irregular.
O BNG denuncia que esta nova condena xudicial confirma as malas prácticas do goberno de Nava Castro e a dereita en materia de persoal, actuando con prepotencia, soberbia e total falta de respecto pola legalidade e os dereitos laborais. A formación nacionalista pedirá explicacións por este asunto e chama a unha “rectificación profunda das prácticas de goberno que levaron a esta situación de inxustiza e ao deterioro dunha institución pública fundamental para o municipio".