O primeiro Pleno ordinario reproba a Mingos Freitas polo improperio da investidura e á alcaldesa por cómplice
Na súa primeira sesión ordinaria, o Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas reprobou, por iniciativa do BNG e co apoio de todos os grupos agás o de goberno, ao concelleiro independente Mingos Freitas polo improperio lanzado a unha persoa do público no Pleno de investidura, así como á alcaldesa Nava Castro por consentilo.
Na iniciativa, o BNG relata que o concelleiro independente recoñece que utilizou a palabra como insulto, argumenta que tiña os seus motivos, e advirte: “espero que non me volva ocorrer moitas máis veces”. Ademais argumenta que ten “un pronto e un reprís” que non é capaz de controlar nin foi capaz nunca.
"Estas actitudes xa son de sobra coñecidas do pasado deste concelleiro, que xa ten protagonizado de todo no salón de Plenos, e demostran a súa ausencia de compostura. Se o señor Freitas non sabe estar á altura do que se agarda dun representante público, non pode estar nin un minuto máis representando ás veciñas e veciños de Ponteareas na Corporación Municipal. Por decencia política, debería dimitir e non seguir danando a imaxe de Ponteareas coas súas actitudes", sentencia o Bloque.
Así mesmo, o Pleno acordou que se o concelleiro continúa sen presentar a súa dimisión, a alcaldesa o cese das súas funcións polos graves feitos protagonizados. Durante o debate da iniciativa, o Portavoz Municipal do BNG botou man dun audio no que a alcaldesa recoñecía que o concelleiro lle ofrecera a súa renuncia, e que foi ela mesma quen lle impediu deixar a Corporación. O Bloque considera que “ante a súa minoría, a Castro importoulle máis a suma deste concelleiro para ter unha persoa máis no goberno que a ética e a decencia, e demostrou non estar á altura da súa responsabilidade, xa que por dignidade democrática debería actuar fronte a estes graves feitos e non ser cómplice upando a este concelleiro a formar parte do goberno municipal”