O PP volve excluír Ponteareas dos Orzamentos da Xunta para 2025
O BNG fixo unha primeira valoración do borrador de Orzamentos da Xunta para 2025 en Ponteareas, tras a súa presentación por parte do goberno galego.
A concelleira ponteareá e deputada do BNG no Parlamento Galego, Cristina Fernández, afirmou que, unha vez máis, “o PP exclúe Ponteareas dos seus investimentos, ao non recoller ningunha das partidas imprescindíbeis para satisfacer as necesidades básicas da nosa localidade e que teñen sido reclamadas como prioritarias en numerosas ocasións polo conxunto da Corporación Municipal”.
“Nin máis saneamento, nin mellora das infraestruturas viarias, nin renovación das instalacións educativas, nin novos equipamentos para mellorar o benestar social”, sinalou Cristina Fernández. Pola contra, indicou que “o PP contempla 800.000 euros para destinar á nova praza de abastos na nave de Aceiros, co obxectivo partidista e electoralista de cumprir o capricho de Nava Castro e cambiar de localización o Mercado Municipal. É unha auténtica burla á veciñanza e aos colectivos que demandan ano tras ano unha solución aos seus problemas mentres o PP na Xunta mira para outro lado”, sinalou a líder do Bloque.
Fronte uns orzamentos “que ignoran Ponteareas”, o BNG avanza “a elaboración dunha ampla batería de iniciativas” que presentarán como emendas “para que o PP na Xunta lle levante o castigo ás veciñas e veciños de Ponteareas e se poña dunha vez por todas do seu lado para atender as necesidades que levan décadas abandonando a pesar de ser da súa competencia”.