O BNG propón solucionar os problemas de acceso ao barrio da Pardantela, na parroquia de Prado
O Bloque propón a elaboración dun estudo que recolla a solución de todas as vías municipais en mal estado
O BNG mantivo un encontro coa veciñanza do barrio da Pardantela, na parroquia ponteareá de Prado, para escoitar as súas necesidades urxentes en materia de seguridade viaria e de accesibilidade ás súas vivendas.
As abundantes choivas do último ano provocaron diversos danos na vía de acceso ás vivendas, con fochancas agravadas polas continuas correntes de auga ao non existir recollida de pluviais. A veciñanza denuncia que recibe augas procedentes das vías situadas a maior altitude, o que provoca mesmo inundacións de garaxes. Ademais, pola falta de ancho suficiente das vías municipais, as veciñas e veciños deste lugar aseguran ter serias dificultades para poder contar con servizos básicos na súa vivenda, como pode ser o reparto de gas ou a asistencia de servizos de emerxencias.
A concelleira do BNG Cristina Fernández Davila, presentou unha batería de propostas para solucionar estes problemas de infraestruturas básicas. “Cómpre elaborar un proxecto que recolla todas as accións necesarias para mellorar a mobilidade e a seguridade no barrio da Pardantela, incluíndo cando menos a reparación mediante un novo asfaltado da vía principal e a recollida soterrada das augas pluviais en todo o barrio para evitar a entrada da mesma nas propiedades cando chove”.
Así mesmo, Fernández salienta a necesidade de “enlazar coa estrada PO-254 as vías da zona oeste e da zona sur do barrio, que é de terra practicamente na súa totalidade, mellorando a súa pavimentación e garantindo un ancho suficiente”.
Cristina Fernández indicou que “para o BNG é fundamental que a veciñanza conte con infraestruturas e servizos básicos de calidade. Por iso, dende o goberno liderado polo BNG elaboramos un inventario de camiños que recolle a situación na que se atopa cada unha das vías municipais, e agora é o momento de continuar ese traballo elaborando un estudo que englobe a solución de todas as vías en situacións similares e programando a súa execución contando coa participación veciñal”.