O BNG propón a comparecencia de Nava Castro na comisión de investigación do Parlamento
O BNG vén de anunciar que solicitou a comparecencia de Nava Castro na comisión de investigación na que o Parlamento Galego investigará as irregularidades na contratación pública do PP.
O obxecto desta comisión é “investigar e destapar todo o que o PP quere esconder: todos os negocios con empresas amigas e con empresas vinculadas a familiares de cargos do Partido Popular”, sinala o Bloque.
Con respecto á solicitude de comparecencia da alcaldesa ponteareá, o BNG lembra que “o Consello de Contas xa advertiu nun informe que a Axencia de Turismo de Galicia, dirixida nos últimos dez anos por Nava Castro, recorría baixo a súa dirección ao fraccionamento de contratos para adxudicalos a dedo en lugar de convocar concursos públicos aos que poida optar calquera empresa”
“Precisamente, unha das empresas de comunicación de confianza de Castro, coa que realizaba contratacións en Turismo e que traballou para o Partido Popular, acumula agora ducias de miles de euros adxudicados a dedo polo Concello de Ponteareas, replicando as prácticas irregulares da Xunta e polas que foi advertida polo Consello de Contas. Esta mesma empresa acumulou facturas adxudicadas a dedo por importe superior ao medio millón de euros nos dous últimos anos de Castro á fronte da Axencia de Turismo de Galicia.
“Nava Castro está facendo do Concello o seu chiringuito particular utilizando o diñeiro de todas e todos para os chanchullos do PP que favorecen ás súas empresas amigas como facía dende a Xunta”, denuncia o BNG.