O BNG propón formación nas instalacións deportivas para o uso dos desfibriladores

O Bloque reclama unha formación práctica adaptada a cada espazo deportivo

O BNG propón formación nas instalacións deportivas para o uso dos desfibriladores

O BNG propón ao goberno de Ponteareas que ofreza formación sobre o uso dos desfibriladores nas propias instalacións deportivas que contan con estes dispositivos, co obxectivo de facilitar a participación das persoas que forman parte dos clubs e garantir unha aprendizaxe práctica, útil e adaptada á realidade de cada espazo.

O Bloque lembra que, durante o seu mandato na alcaldía, o Concello instalou desfibriladores en diferentes instalacións deportivas municipais e puxo en marcha talleres formativos in situ, que permitiron capacitar ao persoal das entidades usuarias sobre o seu uso e mantemento nunha contorna real. Para o BNG, esta fórmula demostrou ser “máis próxima, máis eficaz e máis cómoda” para as persoas que empregan as instalacións a diario.

Neste sentido, a formación nacionalista subliña a importancia de que as persoas adestradoras, delegadas, e os membros dos corpos técnicos ou direccións dos clubs conten coa formación axeitada. “Un desfibrilador é un aparello para restablecer o ritmo cardíaco normal a través de descargas eléctricas. Dispor del é fundamental, pero igual de importante é saber empregalo con seguridade e garantir o seu correcto estado de mantemento. Un dispositivo revisado e unha persoa formada poden marcar a diferenza entre salvar unha vida ou non”, destaca o BNG.

Por este motivo, e dado que os membros dos clubs van mudando co paso dos anos, o BNG entende que a formación debe volver realizarse no propio lugar onde se atopa o dispositivo, algo que facilita a asistencia e permite adaptar a práctica ás características concretas de cada recinto deportivo. “Formar no propio espazo onde se vai actuar mellora a confianza, a precisión e a capacidade de resposta ante calquera emerxencia”, sinala o Bloque.

O BNG agarda que o goberno de Nava Castro e a dereita valore esta proposta e lembra que “as políticas de prevención e seguridade deben sempre priorizar o acceso, a utilidade e a participación das persoas que empregan diariamente as instalacións deportivas”.

O BNG propón formación nas instalacións deportivas para o uso dos desfibriladores