A INICIATIVA DO BNG CONTOU COS VOTOS FAVORABLES DE DE TODA A CORPORACIÓN

Ponteareas insta á Xunta a asumir as súas competencias co arranxo das aulas rurais

Pleno novembro 2023
Ponteareas insta á Xunta a asumir as súas competencias co arranxo das aulas rurais

O Pleno de novembro en Ponteareas aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para instar á Xunta a realizar as obras integrais de eficiencia enerxética que precisan as aulas unitarias do Colexio Rural Agrupado “A Picaraña”.

A concelleira do BNG, Cristina Fernández, defendeu a necesidade de rehabilitar as instalacións para dotar ao alumnado de espazos dignos, cómodos e seguros, “tal como a comunidade educativa leva anos reclamándolle á Xunta”.

O Bloque explica que “na última década, o goberno do PP na Xunta demostrou unha total ausencia de investimentos relevantes nas instalacións dos centros educativos de Infantil e Primaria de Ponteareas, mentres noutras localidades fan obras integrais millonarias de eficiencia enerxética. Contamos cunhas instalacións moi antigas, con necesidades de ampliación en moitos casos para garantir a matrícula nos centros do rural, e a Xunta de Galiza, que é a administración da que depende o ámbito educativo, debe cumprir as súas obrigas e actuar”, afirma o BNG.

O Bloque lembra que na súa etapa á fronte do Concello investiu máis de 17.500 euros nun proxecto de mellora da eficiencia enerxética e arranxos interiores, cunhas obras orzadas en 270.000 euros. “Acadamos o financiamento do 75% para acometer os traballos, obtendo 200.000 euros, e era necesario que a Xunta cofinanciara o 25% restante por ser obras da súa competencia. Pero o goberno galego do PP negouse a achegar os 70.000 restantes. Preferiron deixar que se perdesen 200.000 euros porque os conseguira o BNG, e renunciaron a colaborar con Ponteareas en obras necesarias que son da súa competencia. Nin fan nin deixan facer”, censura o Bloque.

Ademais, o BNG enumerou que mentres tivo responsabilidades de goberno acometeu obras de mantemento “como nunca antes se fixera, o que supuxo melloras de accesibilidade, cambio de portas e carpinterías interiores, reparacións para evitar filtracións de auga, o peche de patios e renovación de zonas de xogos con cambio de chan, a instalación de regos automáticos, a rehabilitación de aseos ou a rehabilitación da aula de Ganade para adaptala á sede e biblioteca do CRA”, explican. “Sempre fomos conscientes de que estas actuacións realizadas dende o Concello non son suficientes para conseguir unhas escolas dignas para o rural e a súa veciñanza, polo que a Xunta debe cumprir coas súas obrigas asumindo as súas competencias”, conclúe o Bloque.

Ponteareas insta á Xunta a asumir as súas competencias co arranxo das aulas rurais