CONVERTEUSE NUNHA PERSOA QUERIDA E APRECIADA POR ENRIBA DAS DIFERENZAS POLÍTICAS

O BNG expresa a súa tristura tras o falecemento de Nemesio Boente

Nemesio Boente, BNG
O BNG expresa a súa tristura tras o falecemento de Nemesio Boente

O BNG en Ponteareas vén de expresar a súa dor ante o pasamento de Nemesio Boente. A formación nacionalista transmitiu o seu fondo pesar e a súa inmensa tristura pola perda “dunha persoa excepcional e dun compañeiro extraordinario a quen nunca esqueceremos”. O Bloque trasladou tamén o seu afecto e apoio á súa familia nestes difíciles momentos.

Nemesio Boente foi concelleiro do BNG na corporación municipal entre o 2005 e o 2011 e responsable local do Bloque dende 2017 a 2020. “Foi unha persoa moi recoñecida e apreciada pola súa profesión como enfermeiro no Centro de Saúde de Ponteareas, como tenaz defensor da sanidade pública e como persoa implicada nos movementos veciñais da súa parroquia, formando parte de colectivos como a asociación da Casa Cultural de Areas, da que foi directivo, ou a Coral Santa María de Areas.

Segundo indican dende o Bloque, “Nemesio foi un membro destacado do BNG na localidade, onde acumulou experiencia política e organizativa, e demostrou notablemente o seu traballo incansable polos intereses das veciñas e veciños. Nemesio, coa súa traxectoria profesional, política e social, converteuse nunha persoa querida e apreciada por enriba das diferenzas políticas tras toda unha vida de servizo público”.

O BNG agradece as mostras de apoio e afecto que está recibindo nas últimas horas por parte de veciños e veciñas, así como de entidades sociais que están amosando o seu pesar por esta triste perda.

O BNG expresa a súa tristura tras o falecemento de Nemesio Boente