Luz verde aos proxectos do Centro de Dinamización Empresarial e da ampliación da rede de calor
O Concello continúa a traballar para un desenvolvemento urbano sostible de Ponteareas. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os proxectos da posta en marcha do Centro de Dinamización Empresarial e de ampliación da rede urbana de calor, iniciativas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’.
O proxecto de reforma e acondicionamento das plantas segunda e terceira do edificio situado na Praza Maior para o seu uso como Centro de Dinamización Empresarial permitirá “ofrecer á veciñanza un lugar para traballar e crecer”, como salienta o Goberno local do BNG-PSOE, con espazos de traballo para emprendedores, coworking e viveiros de empresas; unha oficina de asesoramento; zona de formación ou unha oficina SMART PEME, entre outras. “Coa posta en marcha destas instalacións estamos ofrecendo novas ferramentas a todas aquelas persoas que están pensando en emprender ou traballar por conta propia, pero tamén para todas aquelas que xa están establecidas e precisas novos espazos para seguir avanzando e crecendo. Este centro suporá un importante pulo para o desenvolvemento de iniciativas empresariais
Cunha dotación económica da liña de actuación de 528 000 euros, este proxecto permitirá “dotar o edificio con servizos deseñados para o impulso da actividade económica e o fomento do emprendemento, pensando nas necesidades que poidan ter persoas autónomas e emprendedoras, ou empresas.
Pola súa banda, o proxecto de ampliación 2 da fase I da rede pública urbana de calor con biomasa posibilitará dar servizo aos tres edificios que albergarán novos servizos municipais do centro urbano de Ponteareas: o Centro de Dinamización Empresarial e o Centro Cívico situados na Praza Maior e na antiga nave de Aceiros e Granitos.
Isto permitirá substituír o subministro de gasoil por biomasa de lasca producida en montes próximos, “xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de lumes e garantindo a contaminación cero”. A liña de actuación contará cunha dotación económica de 312 000 euros.