O EDIFICIO DOTARÁ Á VILA DE 900 M2 PARA ACTIVIDADES SOCIAIS E SERVIZOS MUNICIPAIS NO CENTRO HISTÓRICO

O Concello avanza para poñer o Centro Cívico de Ponteareas a disposición da veciñanza

Centro Civico
Infografía do futuro Centro Cívico de Ponteareas
 
O Concello avanza para poñer o Centro Cívico de Ponteareas a disposición da veciñanza


O Concello continúa avanzando para poñer a disposición da veciñanza o Centro Cívico de Ponteareas. A iniciativa, que xa conta co proxecto básico e a autorización de Patrimonio Cultural, atópase agora en proceso de licitación da redacción do proxecto de execución, da elaboración de informes de eficiencia enerxética (IEE) e da dirección da obra do edificio situado na Praza Maior.  

Esta nova instalación, que xa foi presentada á veciñanza e ao tecido asociativo, dotará á vila de 900 m2 para servizos municipais e actividades sociais, como espazos para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá ou unha oficina de información. “Será o primeiro edificio público de Ponteareas con estas características. Con el queremos fomentar o encontro da veciñanza e apoiar o asociacionismo con espazos versátiles e flexíbeis no centro urbano.

Esta iniciativa do Goberno municipal do BNG-PSOE permitirá rehabilitar un edificio do centro histórico adquirido polo Concello con fondos propios para “recuperar espazos para o tecido social e asociativo, para a veciñanza en xeral e para todas as usuarias e usuarios dos novos servizos municipais cos que se dotará o edificio. Un lugar activo e permanente no que as ponteareás e os ponteareáns poderán gozar de actividades dirixidas, pero tamén de espazos para desfrute individual e colectivo.

A rehabilitación deste edificio, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, dinamizará a Praza Maior e a súa contorna, favorecendo a revitalización urbana e comercial do centro histórico.

A redacción do proxecto sae a licitación por un total de 42.185 euros. As empresas e as e os profesionais interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 16 de marzo ás 14.00 horas.

Centro-civico.-Ponteareas 2
O Concello avanza para poñer o Centro Cívico de Ponteareas a disposición da veciñanza