OS TERREOS E O PARQUE SERÁN ENTREGADOS POLOS PROPIETARIOS SEN CUSTO ALGÚN PARA O CONCELLO GRAZAS Á APROBACIÓN DO PXOM

Ponteareas contará cun novo parque público de case 3.000 m2 na Avenida Sarmiento Rivera

Novo-parque-publico-Ponteareas-1-696x522
  
Ponteareas contará cun novo parque público de case 3.000 m2 na Avenida Sarmiento Rivera

O Concello de Ponteareas contará proximamente cun novo parque público que se situará na Avenida Sarmiento Rivera, nas inmediacións do actual aparcadoiro público situado fronte ao cuartel da Garda Civil.

O novo espazo de lecer terá 2775 m2 e será cedido gratuitamente ao Concello como consecuencia da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Urbana o pasado mes de decembro. Os propietarios dos terreos, ademais de cedelos, encargaranse de executar á súa costa as obras de creación e acondicionamento do parque. Entre esas actuacións tamén se inclúe a rehabilitación dunha vella edificación de 160 m2 situada neses terreos para un novo equipamento municipal.

O goberno local do BNG-PSOE e a propiedade mantiveron xa varias reunións de traballo nas que se definiron as actuacións a realizar e que atinxen dende as zonas pavimentadas de paseo, as zonas verdes e axardinadas, arborado, mobiliario urbano como bancos, fonte ou papeleiras, iluminación e a humanización da rúa Curuxeira, que une a Avenida Sarmiento Rivera coa rúa Redondela. Unha parte do arborado será o xa existente no terreo, con exemplares de gran porte e de interese botánico. As previsións dos propietarios dos terreos é executar os traballos e concluílos neste ano 2022.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, salientou que “agora comezamos a ver os enormes efectos positivos derivados da aprobación do PXOM, pois Ponteareas contará en breve cun novo parque público sen custo algún para a veciñanza”. Ademais, a alcaldesa salientou que “con esta actuación a entrada a Ponteareas dende As Neves pola Avenida Sarmiento Rivera se transformará por completo pasando a ser un lugar con espazos de calidade, parque público e beirarrúas amplas e arboradas que tamén conectarán o centro urbano co parque das Pombas ou co cemiterio polo Alto da Gloria”.

Nesta liña de mellorar a imaxe dos accesos ao centro urbano, o goberno municipal do BNG-PSOE lembra que ”recentemente transformamos a entrada en Ponteareas pola N-120 coa humanización do Complexo Deportivo e durante este ano transformarase a entrada pola rúa Trobador Xoán García de Guillade, dende o CEIP Ramiro Sabell até a Casa do Concello, co camiño escolar seguro e a humanización de case un quilómetro de vieiro, con amplas beirarrúas, carril bici e case 200 árbores”.

Cristina Fernández amosouse moi satisfeita porque “estamos convertendo Ponteareas nunha vila fermosa pensada para as persoas, máis saudábel e sostíbel e comprometida na loita contra o cambio climático”.

Ponteareas contará cun novo parque público de case 3.000 m2 na Avenida Sarmiento Rivera