O BNG lamenta o descoñecemento do PP ao criticar unha medida provisional en Ponteareas que está presente en medio mundo
O BNG vén de declarar a súa sorpresa fronte as criticas e acusacións feitas polo PP en Ponteareas contra a intervención acometida na rúa Vidales Tomé. O Concello de Ponteareas está a desenvolver nesta rúa unha intervención que se encadra dentro do denominado “Urbanismo Táctico”, unha ferramenta coa que facer intervencións en espazos que pouco despois serán remodelados para o uso das persoas. Estas intervencións, aínda sen rematar, consisten en sinalización horizontal no asfalto con símbolos peonís e o embelecemento do espazo con mobiliario urbano.
“Este tipo de actuacións son ben coñecidas en gran parte do planeta, e aínda que se entende perfectamente a sorpresa que pode supoñer para unha parte da poboación ponteareá polo seu carácter novidoso na vila, non entendemos como poden ser obxecto de crítica por parte do Partido Popular de Ponteareas”, sinala o BNG. Dende o Bloque achacan este comportamento dos populares a “unha mostra máis do profundo descoñecemento da xestión pública e do urbanismo que amosan dende hai tempo, sendo responsábeis de ter implantado na nosa vila un dos maiores desastres urbanísticos de Galiza”.
O BNG de Ponteareas afirma que “esta é unha medida máis encamiñada a seguir traballando por embelecer da vila, por moito que algúns partidos estean decididos a pór paus nas rodas”. Así mesmo, animan á representante dos populares de Ponteareas a “ver mundo para superar a súa incapacidade de comprender e asimilar o funcionamento dos espazos peonís antes de criticar unha actuación que se está a levar a cabo da man de persoas técnicas especialistas na materia”, conclúen.