Ponteareas aproba un contrato do SAF que atenta contra os dereitos das traballadoras
O prego está por debaixo do prezo de mercado, elimina os complementos das traballadoras e establece obrigas que non permite a normativa laboral
O Pleno de Ponteareas aprobou este luns, unicamente cos votos do PP e ACIP, o prego de condicións da nova licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cun prezo inferior ao de mercado.
O BNG, que a través da concelleira Cristina Fernández expresou con rotundidade a negativa a este prego, sinalou que nel “non se garanten os dereitos laborais das traballadoras. O que pretende o goberno de Castro é facer un calculo axustado do prezo para facer propaganda de que reducen a lista de espera, aínda que isto sexa a costa das condicións de traballo das empregadas do servizo”.
Neste sentido, o Bloque destacou que “co prego aprobado, eliminan o resultado da reivindicación das traballadoras nos últimos anos para mellorar o pagamento do complemento da fin de semana, así como o do transporte das traballadoras, que supón apenas 40 euros brutos mensuais”. Tal como manifestou a representante das traballadoras no propio pleno, “a intención do goberno liderado polo PP é que non se pague e volver ter conflito co cadro de persoal”.
Así mesmo, tamén se indicou que “os pregos establecen obrigas que non permite a normativa laboral, como que haxa unha coordinadora coa obriga de estar localizable de xeito inmediato as 24 horas os 365 días do ano de xeito gratuíto, xa que non se prevé o pago do complemento de dispoñibilidade”.
O BNG lamentou a actitude do concelleiro de Facenda, Francisco Jesús, “manipulando datos e burlándose coas súas mentiras das traballadoras presentes na sala, buscando atacar á oposición en vez de resolver as peticións do cadro de persoal que solicitou a retirada do asunto da orde do día para recoller as súas demandas”.
“É lamentable o abandono de funcións por parte da concelleira de Benestar, Raquel Plana, que ante o contrato máis importante da súa área non dixo nin unha palabra nin sequera informou previamente ás traballadoras das condicións propostas no novo prego, demostrando unha vez máis a súa incapacidade para xestionar un servizo do que dependen tantas persoas no noso municipio”, censurou tamén o Bloque.
Por último, o BNG quixo agradecer a loita das traballadoras presentes no salón de plenos, así como ás que non podían estar porque estaban prestando nese momento os servizo ás persoas usuarias. “Déronnos unha lección de dignidade a toda a Corporación Municipal”, destacou a concelleira do BNG, Cristina Fernández.
“Co seu esforzo físico e mental, cunhas condicións cada vez máis precarias, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar soportan o benestar das persoas dependentes que precisan este servizo. Non imos permitir que o goberno da dereita ponteareá hipoteque o futuro laboral do cadro de persoal coa aprobación dun prego que se basea na explotación das traballadoras durante os vindeiros tres anos. Dende o BNG, como alternativa de goberno en Ponteareas, seguiremos traballando até lograr que se garantan unhas condicións dignas para o cadro de persoal e para as persoas usuarias deste servizo”.