O BNG logra a unanimidade do Pleno para urxir á Xunta a mellora da PO-403 en Moreira
Ponteareas insta á Xunta a facer un estudo para dotar Moreira dun enlace peonil seguro coa vila
O BNG logrou o voto favorable de toda a Corporación de Ponteareas para instar á Xunta a dotar de seguridade viaria a estrada PO-403, que une Ponteareas con Salvaterra, en concreto ao tramo que atravesa a parroquia de Moreira, que concentra nun treito de 300 metros até oito enlaces de entrada ou saída coa autovía A-52.
A concelleira do BNG, Cristina Fernandez Davila, sinalou que, tal como demanda a veciñanza, “é preciso mellorar a iluminación, a accesibilidade e a sinalización ao longo de todo o tramo desta estrada de titularidade da Xunta”. Ademais, Fernández Davila considerou “fundamental” completar os itinerarios peonís para conectar a parroquia de Moreira co centro da vila, a só dous quilómetros, “dotando dunha beirarrúa ou senda segura dende o acceso ao barrio de Requeixo, que continúe baixo a ponte da autovía e que enlace coas beirarrúas que no pasado ano se construíron na parroquia de Angoares a instancia do BNG para dar solución ás demandas da veciñanza”
“Trátase dun treito de menos de 700 metros que a Xunta deixou sen resolver unha vez finalizada a obra en agosto do 2023. Realizar esta actuación repercutirá positivamente na mobilidade de todas as persoas usuarias desta vía, especialmente dun importante número de persoas que se desprazan a pé a diario á vila utilizando este treito que carece de seguridade”, sinalou a concelleira e deputada do BNG no Parlamento Galego.
Cristina Fernández indicou ademais que “sería o momento de contemplar a mellora da conexión desta estrada comarcal coas distintas vías municipais, para que tanto os peóns que atravesan como as veciñas e veciños que acceden en vehículo ás súas vivendas poidan facelo con maior seguridade”.
Por iso, a Corporación instou unanimemente á Xunta a “elaborar un proxecto ou estudo específico que valore as distintas opcións para dotar dun enlace peonil entre as parroquias de Angoares e Moreira na PO-403, á altura do enlace coa A52, a fin de poder facilitar unha mobilidade segura ás persoas que se achegan a pé até a vila de Ponteareas”.
Así mesmo, propoñen incorporar nese estudo, as melloras precisas na vía, como a iluminación, a accesibilidade ou a sinalización, tras un proceso participativo coa veciñanza da zona.