A nova depuradora demostra que o traballo do BNG segue dando resultados a Ponteareas
O BNG amosou a súa satisfacción pola inauguración da depuradora da Moscadeira, reivindicando que o traballo realizado polo Bloque á fronte do goberno de Ponteareas segue dando froitos con logros transcendentais para as veciñas e veciños.
“O investimento de 14 millóns de euros nesta infraestrutura, grazas ao convenio asinado entre o Concello, a Xunta e o Estado sendo alcaldesa Cristina Fernández, permitiu iniciar en 2023 o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal”, lembra o BNG. A formación nacionalista subliña que estas obras foron imprescindibles para solucionar dous graves problemas históricos de Ponteareas, como a contaminación do río Tea e a falta de saneamento no rural”.
O Bloque lembrou tamén que as negociacións co Estado para acadar este investimento xa foran iniciadas por Xosé Represas, e que “tras varios anos de conversas e innumerables xestións, o goberno do BNG logrou o compromiso das tres administracións, nun exemplo de planificación e diálogo en beneficio de Ponteareas. Esa capacidade de xestión fixo posible acometer unha obra cun investimento millonario que, sen ese acordo, nunca estaría ao alcance do Concello”.
O BNG explicou que a execución destas obras ampliou a capacidade de tratamento a 20.000 persoas, eliminando vertidos e sancións e permitindo a ampliación da rede de saneamento a máis parroquias. “O actual goberno podía estar realizando obras de saneamento no rural, porque atopou a ampliación da depuradora en marcha e proxectos elaborados, pero o tripartito de Nava Castro prefire destinar o diñeiro de todas e todos a caprichos, propaganda, e promesas en vez de resolver as necesidades de Ponteareas”, denuncian dende o Bloque.
Así mesmo, o BNG lembra que Nava Castro prometeu que en dous anos todas as parroquias xa terían saneamento, pero “xa pasaron os dous anos e non foron capaces de executar nin un só metro, demostrando que foi unha mentira electoral do PP”.
O Bloque reafirma o seu compromiso de continuar defendendo o saneamento para o rural e de seguir traballando por servizos públicos de calidade que melloren a vida da veciñanza. “O compromiso e a xestión do BNG continúan transformando Ponteareas, producindo resultados duradeiros que están á vista, con proxectos útiles, investimentos reais e avances que melloran o presente e o futuro do noso concello”, conclúen desde o Bloque.