O BNG urxe a Nava Castro rescindir o contrato coa empresa do Servizo de Axuda no Fogar
O BNG acompañou ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas, que na noite deste martes realizaron un peche no salón de plenos ao remate da sesión. Durante o debate, o BNG urxiu ao goberno de Nava Castro a rescindir o contrato coa empresa concesionaria, ante os múltiples incumprimentos detectados.
O debate produciuse tras facerse pública a intención do goberno tripartito de incoar un expediente sancionador á empresa, con penalidades económicas por incorrer en ata sete incumprimentos do contrato, considerados faltas graves e moi graves. “O prego de contratación establece que as infraccións graves e moi graves poden dar lugar á resolución do contrato, polo tanto non hai escusa para non facelo”, explicou o portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó.
Bouzó denunciou que “o goberno local prefire salvar á empresa en vez de actuar con contundencia na defensa dos intereses municipais, fronte unha concesionaria que está incumprindo o contrato e mantendo en condicións precarias ás traballadoras e traballadores”.
O portavoz do Bloque sinalou tamén que “o propio informe elaborado polo Concello deixa en evidencia o deixamento de funcións do goberno local, que durante seis meses non realizou ningún seguimento a pesar das reiteradas advertencias do persoal. Foi a folga indefinida convocada polas traballadoras a que obrigou ao goberno de Nava Castro a interesarse finalmente pola situación do contrato, demostrando que sen loita non hai avances e que este goberno da dereita só se move baixo a mobilización das traballadoras e a presión da veciñanza”.