Os caprichos de Nava Castro e da dereita deixan Ponteareas sen a carreira San Silvestre

Pleno pista atletismo
Taninos Runners anuncia que non a organizará en rexeitamento á actitude do goberno local coa construción da pista de atletismo
Os caprichos de Nava Castro e da dereita deixan Ponteareas sen a carreira San Silvestre

O BNG lamenta que “os caprichos de Nava Castro e da dereita vaian deixar este ano Ponteareas sen a carreira San Silvestre solidaria, organizada desde hai 14 anos pola asociación Taninos Runners”. 

A entidade deportiva anunciou este martes que que non organizará a XIII edición da carreira popular nin ningunha outra proba deportiva en Ponteareas como mostra de rexeitamento á actitude do goberno local, que decidiu impor unha pista de atletismo deseñada sen contar coa opinión nin coas demandas da comunidade atlética. 

Para o BNG, esta decisión é unha consecuencia directa dun modo e gobernar “autoritario, que foxe do diálogo, que despreza a participación social e que permanece alleo ás necesidades reais da veciñanza, demostrando un desinterese absoluto polas persoas que mellor coñecen o estado e as necesidades do deporte en Ponteareas.”

“Nava Castro e a dereita négase a escoitar a atletas e clubs para abordar a construción dunha pista de atletismo”, lembrou o Bloque. “Primeiro anunciaron como espectacular unha pista ovalada de 200 metros; a comunidade atlética reclama unha de 400, para que sexa realmente útil. En vez de atender esas peticións, o goberno de Castro anunciou un cambio a peor, consistente nunha simple recta cuberta de 60 metros”, subliñou o BNG.

“Trátase dun capricho que o goberno de Nava Castro e Juan Carlos Carrera queren impor a toda costa polos seus propios intereses, poñendo a propaganda por diante das necesidades do atletismo ponteareán e negándose a escoitar a comunidade deportiva”, engaden.

O Bloque agradece o traballo desenvolvido por Taninos Runners durante máis dunha década, así como a boa organización desta proba, que cada tarde do 31 de decembro enchía de deporte e solidariedade as rúas da vila. Así mesmo, o BNG insta ao goberno de Castro e a dereita a rectificar as súas actitudes para “evitar que a súa propaganda e os seus caprichos continúen prexudicando a Ponteareas”.

Os caprichos de Nava Castro e da dereita deixan Ponteareas sen a carreira San Silvestre