Ningunha homenaxe a franquistas nas institucións!

Ningunha homenaxe a franquistas nas institucións!

Desde o BNG reiteramos con firmeza e rotundidade a nosa oposición a que se homenaxeen figuras vencelladas á ditadura franquista nas institucións públicas. Os espazos institucionais pertencen a toda a cidadanía, e non poden ser utilizados para branquear nin exaltar o legado dun réxime que afundiu Galiza e o conxunto do Estado español nunha longa noite de represión, violencia e negación de dereitos.

Neste contexto, tras o falecemento dun militar ponteareán vencellado ao franquismo, o BNG amosouse disposto a debater de urxencia, no Pleno deste martes, unha proposta verbal presentada pola alcaldesa Nava Castro sobre a posibilidade de renderlle unha homenaxe institucional. A nosa disposición ao debate non significaba, en ningún caso, apoio á proposta, senón o exercicio da responsabilidade democrática de abordar os asuntos no pleno municipal, con transparencia e coa vontade de que cada grupo político manifeste publicamente a súa postura.

Con todo, á vista de que a alcaldesa finalmente decidiu non someter a proposta a votación e optar por organizar pola súa conta actos institucionais de homenaxe, sen o consenso necesario e á marxe do pleno, desde o BNG anunciamos con claridade que non participamos nin avalamos actos que supoñan a exaltación ou lexitimación da ditadura franquista, directa ou indirectamente.

Esta formación política mantense firme nos principios democráticos e na defensa da memoria histórica. Non aceptaremos que se deturpe o uso das institucións para homenaxear persoas que formaron parte activa dun réxime que vulnerou sistematicamente os dereitos humanos e reprimiu a liberdade de expresión e participación política.

Desde o BNG seguimos traballando por unha sociedade máis xusta, democrática e con memoria. Porque sen verdade, xustiza e reparación non hai democracia plena.

Ningunha homenaxe a franquistas nas institucións!