Nava Castro foxe do Pleno para non responder as preguntas do BNG

O BNG denuncia actitude antidemocrática de Castro por suspender o Pleno en contra do que establece o Regulamento Orgánico Municipal

Nava Castro foxe do Pleno para non responder as preguntas do BNG

O BNG denuncia “un novo atropelo democrático” por parte da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, tras suspender de maneira unilateral a sesión plenaria celebrada este martes, impedindo así que o grupo municipal do Bloque puidese exercer o seu dereito a formular preguntas orais ao goberno local.

Desde o BNG consideran que esta acción é “unha nova mostra de autoritarismo e desprezo polas normas democráticas”, xa que vulnera directamente o artigo 54 do Regulamento Orgánico Municipal, que recolle expresamente a posibilidade de que os grupos municipais poidan realizar preguntas orais no Pleno.

A interrupción da sesión antes de tempo, sen causa xustificada e sen permitir preguntas, é considerada pola formación nacionalista como “un acto grave que evidencia a vontade de Nava Castro de gobernar de costas á veciñanza e sen aceptar ningún tipo de control ou fiscalización”.

“Non é a primeira vez que desde o goberno municipal se obstaculiza a nosa labor de oposición, pero o que aconteceu neste Pleno vai un paso máis alá”, sinalan desde o BNG. “Na quenda de rogos e preguntas, no momento no que tiñamos previsto intervir para preguntar por cuestións de interese para a cidadanía, a alcaldesa decidiu, de forma totalmente arbitraria, dar por rematada a sesión impedíndonos falar”.

Os nacionalistas consideran que este tipo de actitudes, lonxe de ser puntuais, forman parte “dunha deriva autoritaria que vén caracterizando o mandato de Nava Castro, máis preocupada en evitar o debate político que en ofrecer respostas claras ás demandas veciñais. Suspender un Pleno sen dar voz á oposición é unha falta de respecto ás veciñas e veciños que representamos, e unha práctica impropia dun sistema democrático e dunha institución pública como é o Concello”, subliñan.

O BNG anunciou que solicitará formalmente explicacións por escrito e que estudará medidas para garantir que non se repitan feitos semellantes. “Non imos calar diante destes abusos. Seguiremos traballando, dentro e fóra do Pleno, para facer valer os dereitos da veciñanza e poñer freo á arbitrariedade dun goberno que actúa como se o Concello fose a súa propiedade particular”, conclúe o Bloque.

Nava Castro foxe do Pleno para non responder as preguntas do BNG