O BNG proporá no Pleno constituír un comité de crise ante a emerxencia por violencia machista

Cristina Fernández: “Non pode haber pasividade institucional tras dous asasinatos machistas en menos de quince días e varios intentos de feminicidio”

O BNG proporá no Pleno constituír un comité de crise ante a emerxencia por violencia machista

O BNG proporá este martes, no Pleno de Ponteareas, a creación dun comité de crise ante a “situación de emerxencia” por violencia machista que se está a vivir en Galiza, tras dous asasinatos machistas en menos de quince días, varios intentos de feminicidio e a imputación dun conselleiro da Xunta por agresión sexual.

“Non podemos permanecer indiferentes ante o que está sucedendo”, advertiu a concelleira do BNG e deputada no Parlamento Galego, Cristina Fernández Davila. “Isto ten que ser servir de alerta e hai que actuar”, salientou, engadindo que “non podemos permitir a pasividade institucional e que as mulleres pensen que denunciar é inútil”.

Como máxima responsable no País da loita contra a violencia machista, “a Xunta ten que tomar a iniciativa” e, tal como propón o BNG, “convocar a todas institucións e organismos implicados: os do ámbito galego, os concellos e os dependentes do Estado, desde o policiais até os xudiciais ou os recursos psicosociais”, expuxo Cristina Fernández.

O comité de crise, segundo explican dende o Bloque, tería tres obxectivos principais: avaliar cada un dos casos de violencia machista máis recentes e revisar se algo fallou; avaliar a situación actual, coincidindo coa chegada do verán, un período no que historicamente se rexistran máis agresións e feminicidios; e revisar o protocolo de cooperación e coordinación institucional e aumentar os recursos dispoñibles.

“É fundamental para enviar unha mensaxe clara á sociedade de tolerancia cero coa violencia machista, de normalización cero dos feminicidios, de deixar claro que a violencia machista é un problema público e de toda a sociedade”, recalcan.

O BNG tamén insiste en reclamarlle ao PP unha rectificación na súa “actuación cómplice” no ‘caso Villares’, referente ao xa ex conselleiro do Mar imputado por agresión sexual. “É tal a infamia do PP que seguimos sen coñecer unha soa palabra de solidariedade coa vítima, nin de Rueda, nin da conselleira de Igualdade, nin de ningún outro membro do Goberno galego. Seguimos sen explicacións sobre por que o encubriron, o ampararon e permitiron que seguise cobrando un salario público, usando coche oficial e sentado no consello da Xunta”, denuncia o Bloque.

O BNG proporá no Pleno constituír un comité de crise ante a emerxencia por violencia machista