O BNG valora “dous anos de abandono, propaganda e falsas promesas de Nava Castro”
No ecuador do mandato municipal, o BNG fixo balance dos dous anos de Nava Castro a fronte do goberno de Ponteareas. A líder do BNG ponteareán, Cristina Fernández Davila, cualificou este período como “dous anos de retroceso e de abandono, nos que Castro se centrou na propaganda, a mentira e as falsas promesas en vez de atender as verdadeiras necesidades das veciñas e veciños”.
O goberno de Castro aprobou unha brutal suba de impostos, aumentando un 25% o IBI, un 77% o ICIO e un 85 % a taxa do lixo. “Mentres,o servizo é cada vez peor, cos colectores sucios, rotos ou rodeados de maleza. A suba de impostos non supuxo unha mellora de servizos, senón máis propaganda e despilfarro, tendo que recorrer a préstamos para executar pequenos investimentos”, afirmou Fernández Davila.
O BNG denuncia tamén o “completo abandono” das infraestruturas e servizos básicos, especialmente no rural, con accesos a vivendas en mal estado e con miles de veciñas e veciños sen abastecemento ou sen saneamento. “Nava Castro prometeu en campaña dotar de saneamento todas as parroquias en dous anos, pero non foron capaces de completar nin un só metro deste servizo básico para o rural”.
En canto ás infraestruturas na vila, Fernández destacou que “se o goberno de Castro pode estar hoxe facendo propaganda con novos equipamentos como a escola infantil, a ludoteca, a nave de Aceros ou os novos edificios da Praza Maior, é grazas ao traballo do anterior goberno liderado polo BNG e á aprobación do Plan Urbanístico, en vigor dende o 2021 tras a xestión responsábel e eficaz do Bloque”.
Por outra banda, o Bloque considera “evidente” o retroceso en materia de mobilidade e seguridade no centro urbano, coa eliminación de itinerarios peonís, a introdución de carrís de circulación nas zonas peonís ou o estreitamento de beirarrúas “para volver a un modelo no que todo estea invadido polos coches”.
Cristina Fernández sinalou a “obsesión do goberno de Castro co regreso a prácticas do pasado”, e exemplificouno na recuperación de políticas caciquís e clientelares, coa eliminación de axudas equitativas e transparentes a asociacións e clubs para instaurar colaboracións económicas “a dedo” en función de quen as pida. Tamén denunciou a “deriva autoritaria de Nava Castro, máis preocupada de evitar o debate político para ocultar a súa nefasta xestión que de ofrecer respostas ás demandas veciñais”.

O BNG completou o seu balance denunciando o descoido das zonas naturais, o abandono dos parques infantís, a ineficacia das políticas de benestar social ou o silencio cómplice do goberno local ante a Xunta en asuntos como a situación sanitaria ou as necesidades dos colexios.
En definitiva, segundo Cristina Fernández, “o goberno tripartito de Nava Castro e a dereita non está respondendo ás necesidades reais da veciñanza. Estamos ante un goberno centrado nos caprichos, na propaganda e en retroceder desfacendo todos os avances logrados polo BNG”.
A líder do BNG ponteareán concluíu sinalando que “faltan proxectos municipais sólidos e útiles, políticas con visión de futuro e vontade de escoitar, dialogar e traballar pensando no ben común, non en intereses partidistas nin persoais”.
“Fronte á propaganda e o abandono de Castro e a dereita, o BNG representa a alternativa política en Ponteareas, unha alternativa de goberno seria, comprometida e centrada en mellorar a vida das persoas: en infraestruturas e servizos, benestar social, no desenvolvemento económico e o emprego, na cultura e o deporte e nunha vila saudábel e pensada para as persoas”, finalizou.