A liquidación do 2025 evidencia a inestabilidade orzamentaria de Ponteareas

undefined

O remanente de tesourería presenta cifras negativas superiores aos 300.000 €

A liquidación do 2025 evidencia a inestabilidade orzamentaria de Ponteareas

O BNG vén de denunciar publicamente a “manipulación por parte do goberno de Nava Castro e a dereita” co obxectivo de “ocultar a inestabilidade orzamentaria do Concello, agochando datos e trasladando unha imaxe irreal da situación económica municipal”.

Segundo denuncia o Bloque, “a liquidación orzamentaria de 2025 coñecida nestes días reflicte un resultado orzamentario axustado negativo, cun déficit superior aos 130.000 euros. Ademais,o remanente de tesourería tamén presenta cifras negativas, situándose preto dos 320.000 euros”.

Remanente tesourería 2025 (1)

O BNG lamenta que o goberno só faga público o dato máis favorable, o resultado orzamentario sen axustar, “mentres oculta á veciñanza estes dous datos que permiten coñecer a situación real das contas e desmontan o seu relato”. Para a formación nacionalista, trátase dunha estratexia centrada “no titular triunfalista , na foto e na propaganda, pero non na transparencia nin no rigor da información económica”.

Para o BNG, “estes datos confirman unha preocupante deriva económica que se vén consolidando nos últimos anos, nun contexto no que a situación financeira do Concello só puido ser parcialmente disimulada pola chegada de ingresos extraordinarios. Estes ingresos maquillan puntualmente as contas, pero non corrixen os problemas de fondo”.

Así, a formación nacionalista advirte que o goberno de Nava Castro e a dereita está a afondar nunha situación de inestabilidade orzamentaria estrutural derivada da súa incapacidade de xestión. “Incrementaron a presión fiscal sobre a veciñanza con subas brutais de taxas e impostos e contaron ademais con ingresos extraordinarios de case 1,3 millóns de euros procedentes da participación nos tributos do Estado. Pero nin así son capaces de pechar as contas cun equilibrio real”, denuncia o BNG.

O Bloque alerta tamén das consecuencias do remanente de tesourería negativo, que obriga ao Concello a adoptar medidas de saneamento. De non corrixirse esta situación en 2026, o orzamento de 2027 terá que iniciarse cun superávit inicial de case 320.000 euros para compensar a falta de liquidez.

“O goberno de Castro pretende vender como éxito o que é unha evidencia de debilidade. Presume de executar máis do 80 % do gasto e de mobilizar investimentos, pero o resultado final é unha liquidación con desequilibrios reais e un Concello obrigado a adoptar medidas de saneamento”, sinala o Bloque.

Finalmente, o BNG, como alternativa de goberno, aposta por “un cambio de rumbo urxente na xestión económica municipal, baseado na transparencia, na planificación e no rigor”, co obxectivo de “garantir a estabilidade orzamentaria e unha prestación de servizos públicos de calidade para toda a veciñanza”.

Remanente tesourería 2025

A liquidación do 2025 evidencia a inestabilidade orzamentaria de Ponteareas