“POÑEN A PROPAGANDA POR DIANTE DA VECIÑANZA”

O goberno de Nava Castro rexeita as propostas do BNG para aumentar axudas a colectivos e saneamento

undefined
O goberno de Nava Castro rexeita as propostas do BNG para aumentar axudas a colectivos e saneamento

O goberno de Ponteareas aprobou, nun pleno extraordinario e urxente, o Orzamento para o 2025, rexeitando todas as propostas alternativas presentadas polo BNG.

A través do concelleiro Xosé Carlos Vázquez, o BNG afirmou que o goberno de Nava Castro presentou uns Orzamentos para 2025 “que son unha oportunidade perdida para Ponteareas, porque poñen a propaganda por diante das necesidades básicas das veciñas e veciños.”

Vázquez afirmou que “son unha oportunidade perdida porque poderían explicar canto diñeiro teñen previsto destinar, por exemplo, para unha necesidade tan básica e tan demandada como o saneamento no rural, que agora é posible grazas ao traballo do BNG para a ampliación da depuradora. Dixeron en campaña que en dous anos completarían o saneamento das parroquias. No 2025 cumpriranse os dous anos, e a realidade é que non prevén no orzamento nin un só euro para este servizo, e ademais rexeitaron a proposta presentada polo BNG no propio Pleno para crear a partida.”

O concelleiro do BNG lamentou tamén o voto negativo do goberno a todas as propostas que procuraban aumentar as axudas aos colectivos veciñais que de maneira altruísta entregan o seu tempo a traballar en beneficio da comunidade. “É lamentable que, tras eliminar as subvencións a entidades do ámbito social e a colectivos veciñais para obras nas parroquias, continúen negándose a aumentar a contía das axudas existentes, como as destinadas ás casas culturais e ás traídas veciñais”, que o Bloque propuña duplicar.

undefined
Xosé Carlos Vázquez, concelleiro do BNG

“Presumen dun orzamento máis alto que o ano pasado, pero néganse a atender con el as necesidades reais da veciñanza. É un orzamento máis alto provocado pola Navallada á veciñanza coa suba de impostos, que supón un incremento do 25% no IBI, do 78% no ICIO e do 85% na taxa de lixo. Só con estas subas, xa contarán con 1,6 millóns de euros máis de ingresos, pero o gasto apenas sube 1,1 millóns, o que demostra que no orzamento en vigor estaban infladas as previsións de ingresos”, afirmou o concelleiro do Bloque. Vázquez sinalou que estes datos, “cos que se incumpre a regra de gasto, demostran a deriva do goberno de dilapidar o diñeiro de todas e todos en accións propagandísticas e en caprichos dos que só se benefician uns poucos”.

Malia que o goberno local “puxo a garabata da propagada” e rexeitou todas as propostas do BNG, Xosé Carlos Vázquez sinalou a súa satisfacción porque este ano o goberno incluíse no orzamento algunhas propostas que o Bloque fixo o ano pasado e que daquela foron rexeitadas. “Nunca é tarde, animamos ao goberno a que continúen nesa senda a acepten as nosas propostas alternativas aínda que sexa un ano despois, porque queda demostrado que só acertan cando rectifican”, aseverou o concelleiro nacionalista.

O goberno de Nava Castro rexeita as propostas do BNG para aumentar axudas a colectivos e saneamento