O BNG denuncia un Orzamento propagandístico que non ten en conta as necesidades da veciñanza
“Nin un só euro para necesidades básicas como abastecemento e saneamento”
O BNG tacha de “propagandístico” o Orzamento presentado polo goberno local de Ponteareas para o ano 2025, que consideran “unha oportunidade perdida”.
“Dos máis de 20 millóns de euros de Orzamento, o goberno de Castro unicamente destina un 3% a investimentos, deixando a un lado as necesidades da veciñanza. Por exemplo, non recollen nin un só euro para investir en necesidades tan básicas como o abastecemento de auga potable ou o saneamento no rural, que agora podería executarse grazas a ampliación da depuradora lograda polo BNG”, sinala a formación nacionalista.
Así mesmo, o Bloque alerta que coa aprobación do Orzamento, “a dereita pretende eliminar postos de traballo do cadro de persoal municipal para que presten servizos empresas privadas, tentando ocultar a través destas privatizacións a súa incapacidade para organizar os servizos municipais”. Por este motivo, sinalan que “o capítulo de persoal do orzamento, debatido na Mesa Xeral de Negociación co persoal ao servizo do Concello, non conta co apoio de ningún dos 18 membros representantes do persoal municipal.”
O Bloque criticou a “actitude antidemocrática que volve demostrar o goberno de Castro e a dereita coa tramitación destes Orzamentos, que pretenden aprobar pola vía de urxencia a través dun novo pleno extraordinario para evitar o debate e as propostas dos grupos políticos. Queren aprobar o Orzamento como un simple trámite e utilizalo como instrumento de propaganda”, denuncia o BNG, exemplificando que o goberno facilitou antes o seu contido aos medios de comunicación que aos propios grupos políticos da corporación municipal.
“Este documento é unha nova proba da desastrosa xestión económica do Concello, a comezar polo incumprimento do establecido na Lei de Facendas Locais. Ademais, a propia Intervención Municipal advirte do incremento da regra de gasto en máis de 1,8 millóns, o que pode provocar que o Concello teña que elaborar un Plan Económico Financeiro para recuperar os obxectivos marcados na Lei de Estabilidade e Sostibilidade”, sinala o BNG.
A formación nacionalista anunciou que “a pesar de que o goberno local intente dificultar a nosa participación, faremos valer a nosa condición de alternativa de goberno coa presentación de propostas para emendar os Orzamentos e instar a Castro e a dereita a abandonar os caprichos e a propaganda e centrarse nas necesidades reais das veciñas e veciños”.