O BNG presenta propostas alternativas ao “Orzamento propagandístico” de Nava Castro
O Bloque denuncia actitudes antidemocráticas coa tramitación plenaria de urxencia
O BNG rexistrou unha batería de propostas alternativas para incluír nos orzamentos de Ponteareas para 2025, que se debaterán na mañá deste xoves nun pleno extraordinario e urxente.
“A pesar de que o goberno local intente dificultar a nosa participación, dende o BNG propomos a creación de partidas que dean cobertura as necesidades reais da veciñanza e deixen a un lado a propaganda na que está instalado o goberno local”. Nesta liña, o Bloque propón unha partida económica para iniciar a execución de obras de abastecemento de auga e saneamento, toda vez que xa será posíbel conectar a rede á depuradora grazas ás obras de ampliación iniciadas no pasado mandato”.
Así mesmo, o BNG rexeita a eliminación de persoal para privatizar servizos municipais, polo que propón “suprimir a partida destinada á contratación de novas empresas privadas e manter as prazas previstas no cadro de persoal para desenvolver eses servizos”.
O Bloque propón tamén recuperar as axudas a colectivos sociais “eliminadas tras a chegada da dereita ao goberno local”, como son as subvencións a asociacións que prestan axuda no ámbito social ou ao colectivos veciñais para investimento en infraestruturas no rural. Por outra banda, propoñen aumentar a 10.000 euros o convenio coa protectora de animais “Os Biosbardos”, subir a 80.000 euros as subvencións ás casas culturais e alcanzar os 140.000 euros nas subvencións destinadas ás traídas de auga veciñais, unha liña de colaboración creada nos pasados anos polo goberno liderado polo BNG.
Aumentar as Axudas de Emerxencia Social é outra das propostas do BNG, dado que o goberno eliminou o Centro de reparto de alimentos para englobalo nestas axudas. “Anunciaron un aumento do 10% desta partida, pero a realidade é que diminúe, xa que reducen a 110.000 euros un importe que no pasado orzamento sumaba 113.000 euros”, denuncia o Bloque, sinalando este caso como un exemplo “da manipulación propagandística do goberno de Nava Castro”.