Cristina Fernández traslada á Xunta a urxencia de reparar o ascensor do CEIP Ramiro Sabell
A deputada do BNG no Parlamento Galego comunicouse con Educación para que garanta á accesibilidade ao alumnado con mobilidade reducida
A ANPA do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas vén de denunciar publicamente os problemas que está causando a Xunta ao non reparar o ascensor do centro, fóra de servizo dende o pasado mes de marzo.
Tras contactar coa propia ANPA e coa dirección do centro educativo, a deputada do BNG no Parlamento Galego e concelleira en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, trasladou á Consellería de Educación da Xunta a urxencia de acometer esta reparación, solicitando ademais explicacións de “por que, a pesar das reiteradas solicitudes e reclamacións recibidas, a Xunta non deu resposta nin solución ao problema despois de sete meses”.
“É urxente levar a cabo dita reparación para garantir á accesibilidade do alumnado con mobilidade reducida deste centro”, sinalou Fernández Davila, denunciando o “abandono e o desleixo que amosa unha vez máis o Goberno do PP cos nenos e nenas con necesidades especiais e coas súas familias, que loitan cada día para poderlles ofrecer as súas fillas e fillos unha atención axeitada”.
A líder do BNG ponteareán indicou que “esta situación provocada pola desidia do PP agrava as dificultades do alumnado en cadeira de rodas, xerando unha discriminación inaceptábel ao dificultar o acceso a espazos nos que se desenvolven actividades”. Nese sentido, o Bloque únese á demanda da comunidade educativa, que solicita á Xunta que tome medidas de xeito inmediato para non prolongar máis unha situación que atenta contra a accesibilidade e a inclusión do alumnado.