Cristina Fernández leva ao Parlamento Galego a demolición da escola infantil de Ponteareas
O BNG cuestiona a demolición dun edificio útil mentres continúan faltando prazas públicas de 0 a 3 anos
A deputada do BNG no Parlamento Galego e líder da formación en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, rexistrou unha batería de preguntas co obxectivo de que a Xunta de Galiza se pronuncie sobre a decisión do goberno municipal de Ponteareas de derrubar o edificio da antiga escola infantil municipal mentres continúan a existir graves problemas de falta de prazas públicas de 0 a 3 anos no concello.
A iniciativa parlamentar denuncia que a nova escola infantil, en funcionamento dende as pasadas semanas, non supuxo un aumento significativo de prazas, sendo para o BNG “claramente insuficientes” para atender a demanda real das familias ponteareás.
“No curso 2025/26 numerosas familias tiveron que recorrer a escolas privadas ou mesmo matricular os seus fillos e fillas en centros doutros concellos debido á falta de prazas públicas suficientes en Ponteareas, co conseguinte prexuízo para a conciliación laboral e familiar”, sinalou Fernández Davila.
O BNG critica que, malia esta situación, “o goberno de Nava Castro (PP) e Juan Carlos Carrera (ACIP) ordenase a demolición da antiga escola infantil o mesmo día en que se produciu o traslado das crianzas ás novas instalacións”. A formación nacionalista lembra que se trata dun edificio que prestou servizo durante décadas, que foi rehabilitado con obras para a mellora da eficiencia enerxética, e que podería seguir empregándose para ampliar a oferta pública de prazas.
Para Cristina Fernández, “non se entende que nun concello onde hai familias sen acceso a unha praza pública de 0 a 3 anos se decida caprichosamente derrubar un edificio plenamente útil en vez de empregalo para reforzar un servizo esencial, cando ademais habería moitas outras alternativas á demolición, como podería ser destinalo a outros servizos municipais ou aos colectivos da vila”.
A través desta iniciativa, o BNG pregunta ao goberno do PP na Xunta como pensa solucionar o déficit de prazas públicas en Ponteareas para o vindeiro curso, se a Consellería de Política Social comparte a decisión de derrubar o antigo edificio e por que motivo non se financiou unha escola infantil con capacidade suficiente para cubrir toda a demanda existente.