A CANDIDATA DO BNG EN PONTEAREAS PECHOU A CAMPAÑA CUN ACTO NA PARROQUIA DE GULÁNS
Cristina Fernández apela ao voto útil para manter Ponteareas afastada “dos tempos escuros” e seguir acadando logros históricos
A candidata á alcaldía de Ponteareas polo BNG, Cristina Fernández, pechou este venres a campaña das eleccións municipais cun acto na casa cultural de Guláns. Un acto que supuxo o colofón final a todos os encontros celebrados nos últimos días en todos os recunchos do concello, nos que a veciñanza deu o seu apoio, ratificando que o BNG de Ponteareas foi quen de xerar unha onda de ilusión “para non dar nin un só paso atrás no moito que temos avanzado nestes oito anos de goberno”.
“Dous mandatos nos que puxemos orde, sacamos ao Concello da bancarrota e planificamos para o futuro, traballando para conseguir fondos europeos e subvencións doutras administracións que permitiron que sexamos pioneiros na loita contra o cambio climático e que lograramos unha transformación histórica do noso municipio”, destacou Cristina Fernández.
Uns logros acadados a pesar de todas as adversidades, como a pandemia, o falecemento do alcalde Xosé Represas ou a suba dos prezos, “pero somos un equipo de mulleres e homes fortes e preparados que traballaremos arreo para mellorar a vida das nosas veciñas e veciños”. “Non podemos volver ao pasado, o domingo temos que consolidar un goberno que nos permita seguir avanzando na transformación histórica que iniciamos no 2015, onde soñabamos cunha Ponteareas distinta”, instou a candidata nacionalista.
Cristina Fernández salientou o traballo feito “por un goberno valente que se deixou a pel en lograr aquilo no que cría”, nunha Ponteareas na que “nunca se fixo tanto en tan pouco tempo”. “Seguimos traballando con novos proxectos e ideas de futuro, porque douvos a miña palabra de que Ponteareas ten un futuro prometedor, ilusionante e cheo de oportunidades se nós continuamos gobernando”, recalcou.
A candidata animou á veciñanza a votar polo BNG nestas eleccións municipais, subliñando a importancia de non confiarse e de asegurar o avance e o desenvolvemento da vila concentrando o voto no Bloque.
“O domingo decidimos a alcaldesa e o goberno de Ponteareas para os vindeiros catro anos, decidimos se continuamos avanzando ou volvemos aos tempos escuros dos que saímos en 2015. Temos o balance dun gran traballo realizado, os proxectos para un futuro ilusionante e o mellor equipo para levalo a cabo. Agora é o momento de converter todo isto en votos ao BNG para facelo realidade, un voto útil co que daremos o mellor de nós para conseguir moito máis para Ponteareas”, rematou Cristina Fernández.