O BNG impulsará o desenvolvemento deportivo en Ponteareas con novos campos de fútbol e un novo pavillón

O Bloque xa conta co proxecto de renovación dos campos de fútbol do Rabel e do Cruceiro e dotará ao Estadio Municipal dun terceiro campo anexo a Pardellas.
O BNG impulsará o desenvolvemento deportivo en Ponteareas con novos campos de fútbol e un novo pavillón

O BNG continúa co seu firme compromiso co fomento do deporte e coa mellora das instalacións municipais de Ponteareas. Por este motivo, xa está a traballar en dar un novo impulso ao desenvolvemento deportivo cunha serie de proxectos que fortalecerán as infraestruturas municipais, promovendo un estilo de vida saudábel e activo para a veciñanza. 

Unha das principais propostas do grupo nacionalista céntrase na renovación dos campos de fútbol do Rabel, en Santiago de Oliveira, e do Cruceiro, en San Mateo, dúas iniciativas que contan xa con proxecto firme para convertelos en campos de céspede artificial de última xeración, tras renovar neste mandato os campos de fútbol de Angoares e Bautista Alconero, no Estadio Municipal de Ponteareas. “Daremos así novos pasos para seguir mellorando a calidade das instalacións e ofrecer un terreo de xogo óptimo para as e os deportistas locais”, salienta a candidata nacionalista e actual alcaldesa, Cristina Fernández.

O Bloque xa conta co proxecto de renovación dos campos de fútbol do Rabel e do Cruceiro e dotará ao Estadio Municipal dun terceiro campo anexo a Pardellas

O BNG acompañará esta mellora dos campos de fútbol cun novo proxecto para o Estadio Municipal de Ponteareas, ao que se dotará dun terceiro campo anexo a Pardellas que contribuirá a satisfacer a crecente demanda dos clubs deportivos e ofrecerá máis oportunidades para a práctica deste deporte no municipio en calquera das súas categorías.  

Por outra banda, grazas á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) tras anos de traballo para rematar coa parálise urbanística, o BNG creará  en Ponteareas un novo pavillón deportivo “moderno e adaptado ás necesidades actuais dos clubs e das e dos deportistas”. Este espazo brindará instalacións axeitadas para a práctica de diversas disciplinas deportivas, algo fundamental tendo en conta a importancia que o deporte ten en Ponteareas a nivel social, económico e mesmo turístico. Este proxecto completarase coa reforma da piscina municipal para convertela nun espazo innovador, accesíbel e sostíbel.

O BNG amosa así unha vez máis o seu compromiso co desenvolvemento deportivo ponteareán, traballando para mellorar as instalacións, fortalecendo o tecido deportivo e fomentando a práctica da actividade física e hábitos de vida saudábeis. 

Creará ademais un novo pavillón deportivo moderno e adaptado ás necesidades actuais de clubs e deportistas grazas ao Plan Urbanístico

“O deporte é fundamental para o benestar da nosa veciñanza. Promover a actividade física e ofrecer instalacións de calidade non só mellora a calidade de vida das persoas, senón que tamén contribúe a mellorar a súa saúde e benestar xeral”, recalca Cristina Fernández.

O BNG impulsará o desenvolvemento deportivo en Ponteareas con novos campos de fútbol e un novo pavillón